Loading Events
This event has passed.

Converxencias: Residencia Artística da Banda Sinfónica Galega 2026

Entre o 8 e o 11 de xullo de 2026, a Cidade da Cultura acolle Converxencias, a V Residencia Artística da Banda Sinfónica Galega, que reúne unha vintena de intérpretes procedentes de diferentes especialidades instrumentais para participar nun espazo de intercambio e aprendizaxe a través do que incentivar a mellora e a excelencia formativa. No encontro participarán como docentes o trompetista Alejandro Vázquez Lamela e o clarinetista Antonio Suárez Saavedra.

Estas xornadas de aprendizaxe culminarán cun concerto de clausura o sábado 11 de xullo ás 16:30 horas, actuación protagonizada polas formacións que participan nesta residencia:

  • Quinteto de vento metal: dúas trompetas, trompa, trombón e trombón baixo.
  • Cuarteto de vento metal: dous bombardinos e dúas tubas.
  • Quinteto de cañas: óboe, clarinete, clarinete baixo, saxofón alto e fagot.
  • Sexteto de vento madeira: frauta, óboe, clarinete, saxofón, trompa e fagot.
  • Formación Harmoniemusik: frautín, requinto, dous clarinetes, dúas trompas e trombón.

Esta residencia artística contribúe á divulgación da música galega, achega aos músicos repertorio que difícilmente se interpreta nas bandas populares e potencia a Banda Sinfónica Galega como un conxunto instrumental que defende e promove os valores de todas as bandas de música populares galegas. A Banda Sinfónica Galega é a agrupación que representa á Federación Galega de Bandas de Música Populares e está integrada por músicos de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos. Funciona mediante unha convocatoria pública de carácter bianual e as candidaturas son escollidas por un grupo de mestres de recoñecido prestixio.