Loading Events
This event has passed.

XVIII Encontro Banda Sinfónica Galega

A Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) organiza o XVIII Encontro da Banda Sinfónica Galega, que ten lugar entre os días 2 e 5 de xullo de 2026. Esta edición reúne a músicos das diferentes formacións integradas na federación arredor dun proxecto de convivencia e perfeccionamento técnico que inclúe varias presentacións públicas e o traballo sobre un repertorio de alta esixencia.

A programación de eventos correspondente a este dezaoitoavo encontro abriuse o xoves 2 de xullo, coa asistencia ao concerto que ofreceron a Banda Musical de Santiago de Compostela (BMSC) xunto cos solistas de Galaico Brass.

A actividade continuará o sábado 4 de xullo cun dos fitos institucionais da presente edición. As adegas Martín Códax acollerán o acto no que seestreará do Himno do Cooperativismo Galego, unha obra que pasa a enriquecer o patrimonio musical do noso país.

O encontro finalizará o domingo 5 de xullo coa celebración do concerto de clausura. Esta última audición, de carácter público, programouse para as 20:00 horas no Parque de Vista Alegre, en Santiago de Compostela, servindo como mostra do traballo técnico e artístico levado a cabo polos integrantes da Banda Sinfónica Galega durante as xornadas previas.

Baixo o título de Metamorfose, o programa escollido por David Fiuza para esta edición supón un reto maiúsculo para a formación. O repertorio combina de xeito maxistral a nova creación galega con algunhas das páxinas máis célebres da literatura musical universal. Así, o público poderá escoitar as obras Metamorfose Sinfónica de Sergio Rodríguez e Ápeiron de Manuel Otero Payno, xunto a dúas pezas fundamentais do repertorio como son Lincolnshire Posy de Percy Grainger e a suite de The Firebird (O paxaro de lume) de Igor Stravinsky.

O XVIII Encontro da Banda Sinfónica Galega faise posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela, da Escola de Música de Santiago de Compostela (EMM) e da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), cuxa colaboración resulta fundamental para seguir impulsando este proxecto de formación, excelencia e promoción da música de banda en Galicia.