
XVII Encontro da BSG – Parte II
12 Xullo, 2025 - 20 Xullo, 2025
| Free
XVII Encontro da BSG – Parte II
Tras o exitoso inicio do XVII Encontro da Banda Sinfónica Galega (BSG) en Valadares, Vigo, a formación prepárase para unha segunda parte chea de actividades e concertos que levarán a música galega a novos escenarios, tanto en Galicia como fóra das nosas fronteiras.
Esta segunda parte do Encontro, que inicia os ensaios o 12 de xullo, contará con dous días de gran intensidade en Lugo. O martes 15 de xullo de 2025, ás 20:00 h, a BSG ofrecerá un concerto no Círculo das Artes de Lugo. Este evento contará cun programa dividido en dúas metades, presentando obras de destacados compositores como León Durán Viso (Bodas de Sangre) e Luis Serrapio (Choivas das Cíes) na primeira parte, e na segunda, pezas tan recoñecibles como El Camino Real de Alfred Reed, Le Cid -ballet- No.6-Madrilène e Capriccio Espagnol (ambas con transcricións de José Schyns) de Jules Massenet e Nikolai Rimsky-Korsakov respectivamente, e o pasodoble Música, mestres! de Juan Lois Diéguez.
A celebración en Lugo continuará o mércores 16 de xullo, tamén ás 20:00 h, cun concerto ao aire libre na Praza de San Marcos. Neste programa, o público lucense poderá gozar de novo con Bodas de Sangre de León Durán Viso e Choivas das Cíes de Luis Serrapio, ademais de La leyenda del beso (selección da zarzuela) de Reveriano Soutullo (transcrición de Douglas McLain), a Rapsodia galega Cabaleiros de Santiago de Xosé Luis Represas, e o xa coñecido Música, mestres! de Juan Lois Diéguez.
Pero a axenda da BSG non se detén aí. O xoves 17 de xullo, ás 22:00 h, a Banda Sinfónica Galega desprazarase a terras valencianas para ofrecer un concerto no Teatre Unió Musical de Llíria, unha localidade cunha profunda tradición musical, onde a nosa banda presentará o programa con que a BSG participará no CIBM de València, Bodas de Sangre e Choivas das Cíes, acompañado de Capriccio Espagnol, La leyenda del beso e Música, mestres!
A culminación da semana chegará o venres 18 de xullo, cando a Banda Sinfónica Galega participará No Palau da Música de València na Sección Libre do prestixioso Certamen Internacional de Bandas de Música «Ciudad de Valencia» (CIBM).
Finalmente, como colofón a esta intensa xira, a BSG ofrecerá un último concerto o domingo 20 de xullo de 2025 ás 12:00 h no emblemático Templete do Parque do Retiro de Madrid, cun repertorio que incluirá na súa primeira parte: El Camino Real de Alfred Reed , Le Cid -ballet- No.6-Madrilène de Jules Massenet, con transcrición de José Schyns, e Capriccio Espagnol de Nikolai Rimsky-Korsakov , tamén con transcrición de José Schyns. Na segunda parte, poderase escoitar La leyenda del beso (selección da zarzuela) de Reveriano Soutullo, con transcrición de Douglas McLain, Cabaleiros de Santiago de Xosé Luis Represas, e Música, mestres! de Juan Lois Diéguez.
Con esta ambiciosa e variada programación, o XVII Encontro da Banda Sinfónica Galega consolídase como un evento de referencia, non só no calendario cultural galego, senón tamén a nivel estatal, demostrando a vitalidade e o talento da nosa formación. Convidamos a todos a acompañarnos nestes emocionantes eventos!


