A Lira de Ribadavia

A Lira de Ribadavia

Como di Alvarellos no seu libro Bandas de Música de Galicia, chegamos á banda de música máis antiga de Galicia. 
Non podemos ditaminar a data exacta do seu nacemento, aínda que existen documentos de principios do 1800 onde se fai alusión á gran afección que tiña o pobo ribadaviense polas bandas de música. O documento que acredita que A Lira de Ribadavia é a banda decana de Galicia data do ano 1840, onde se fai alusión por parte do Concello de Ribadavia da regularización salarial ós mestres dunha escola de música fundada moitos anos atrás en recoñecemento do seu traballo, transcendencia e repercusión social na vila, sendo o Mestre Veneroni, de orixe toscano, o primeiro profesor de música de quen se fala na Vila. Desde esa data organízase unha Sociedade Filharmónica destinada á formación da mocidade, ocupándose da súa dirección Luis de Nessone. 
En 1888 toma a batuta Antonio Freijido, época na que a banda se divide en dous: Liberais e Conservadores. Permaneceron así ata 1894, cando se volven unir baixo o nome da Lira. 
Foron directores Adolfo Campo, Camilo Veiga, Fernández Amor e Luis Brage (quen convirte á Lira nun referente da Galicia Republicana en plena ditadura), Moisés Espinosa, Pedro Orovio, Manuel Vázquez Gregorio, Alfonso Salvatierra Mesa, Francisco Pérez Rodríguez e Roberto Baltar Gardón. Dende 2016 está baixo a batuta de Xabier Oliveira Blanco. 
Entre os diferentes galardóns destacan os primeiros premios nos certames bandísticos en Villafranca del Bierzo, Pontevedra, Vigo, Ourense, Oviedo e León. Os últimos logros son o cuarto posto no XII Certame Internacional de Bandas de Música "Villa de Aranda”. O primeiro premio dentro da sección terceira na V e X edición do Certame Galego de Bandas así como o terceiro premio e o premio á mellor interpretación de obra libre con temática galega na VI edición. No ano 2018 A Lira gaña os dous certames ós que se presenta, sendos estes de grande relevancia como son o 132 Certame Internacional de Bandas de Música de Valencia e o XII Certame Galego. Xa no 2019 queda no segundo posto, participando por primeira vez dentro da segunda sección do Certame Galego.
Despois de tres anos inmellorables, no 2020 A Lira celebra o seu 180 aniversario e os seus membros seguen tentando protexer e fomentar a gran tradición musical da súa vila, impulsando a Escola de Música Mestre Veneroni e converténdo a Ribadavia nun dos lugares máis prestixiosos e recoñecidos na cultura das bandas de música populares de toda Galicia.