Unión Musical Ponteledesma

Unión Musical Ponteledesma

A idea da formación da Asociación Cultural Unión Musical Ponte Ledesma nace en 1987, cando D. José Casal Balo e D. Bernardo García del Río (antigos músicos) crean unha nova agrupación por mor da nostalxia dunha banda de música por parte dos veciños despois da desaparición das bandas de Cira e Camanzo. 
A agrupación comenza con 30 alumnos e presentase ao público en xuño de 1987, sendo o primeiro concerto nas Insuas de Gres (Vila de Cruces) baixo a batuta de D. Bernardo García del Río (primeiro Presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares). Despois de tres anos deixa a dirección por motivos de saúde. 
Entre 1990 e 1995 están de directores D. Rafael Rosell e D. José Luis Represas Carrera. En 1995 chega D. Miguel Rodríguez Barrio, que con 21 anos transforma a Asociación, crea a Banda Xuvenil e pon en marcha un Festival de Bandas de Música. En 2002 D. Roberto Hermida Rey, músico da Banda, toma o relevo a Rodríguez Barrio como director. 
A Unión Musical Ponte Ledesma actuou en todo o territorio galego e en escenarios como o Palau de la Música (Valencia), Teatro Latorre (Murcia), Auditorio Príncipe Felipe (Oviedo), París, Milán, Parma ou Monçao. 
Colleitou importantes recoñecementos como no Certame Provincial da Deputación de Pontevedra (1º premio 2002 e 2004, 2º premio en sec 1ª 2008), Certame Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia (2º premio, 2003), Premio da Cultura do Concello de Vila de Cruces (2004), Certame Nacional de Bandas de Música en Murcia (2º premio, 2005), 1º banda galega en ser convidada ao Festival Internacional de Música Ciudad de Oviedo, Certame Nacional de Bandas de Música “Enrique García Asensio” Cuenca (2º premio, 2007), Certame Galego de Bandas (1º premio, 2012) e Certame Internacional de Bandas de Música Armónico–Toro (Zamora, 1º premio, 2016).
Organiza actividades ao longo do ano como o Festival Internacional de Bandas de Música Insuas de Gres (Vila de Cruces), Ciclos Culturais de Outono, Festival de Bandas de Música Infantís e Xuvenís, Festivais de alumnos da Escola de Música, Concertos extraescolares nos centros educativos da comarca, Concertos de Nadal nas Residencias locais e Concerto de Nadal a beneficio da Fundación Josep Carreras. 
Na actualidade, a UMPL está formada por 60 compoñentes, ten editados 3 traballos discográficos e ten un Centro de Formación Musical integrado na Escola Municipal de Vila de Cruces con máis de 100 alumnos que alimentan a súa Banda Xuvenil e garanten o futuro da Banda.