XV Certame Galego
3 Decembro, 2022 - 5 Decembro, 2022
| FreeXV Certame Galego
Compartir
O Auditorio Ilduara, na vila ourensá de Celanova, estréase como escenario do certame, no que se darán cita oito agrupacións, incluída a Banda Xuvenil de Celanova. Participarán tamén a Banda de Música Municipal de Caldas de Reis, a Banda de Música Santádega (Coles), a Banda de Música de Lourenzá, a Agrupación Musical da Limia e a súa sección infantil Chikiband, a Banda de Música Infantil de Rubiós e a Banda Xuvenil da Escola de Música de Silleda.
O xurado, composto polo zamorán David Rivas Domínguez, o maiato Francisco Ferreira e o belga Kevin Houben, estará asistido por Carmen Maria Ferreiro Soto como secretaria e avaliará as súas actuacións de acordo con aspectos relacionados coa técnica, a sonoridade, a interpretación, a presenza en escena e a conexión co director. De acordo coa súa puntuación, entregaranse oito premios, cunha dotación conxunta de máis de 6000 euros, aos que se suman os galardóns á mellor interpretación dunha peza de autoría galega, ao mellor director do certame e o honorífico a unha traxectoria persoal e/ou profesional de apoio ao labor das bandas de música populares.
No transcurso da xornada de clausura daranse a coñecer, así mesmo, as pezas e autores premiados nas cinco categorías do XV Concurso Galego de Composición, que continúa a ser parte fundamental do noso empeño por fomentar e estimular a composición musical como parte fundamental do patrimonio cultural galego, ademais de cubrir a escaseza de repertorio de autoría galega para ser interpretado especificamente por bandas de música.
Este evento é unha realidade grazas o apoio da Xunta a través de Agadic, do Concello de Celanova e da Deputación de Ourense. Ademais, Radio Galega e MAPFRE colaboran na súa realización.