Loading Events
This event has passed.

Banda de música de Chapela

  • Piñor, 32137 Piñor, Ourense, España

  • 19 Setembro 2021, 17:00

Descrición

A Banda de Musica de Chapela fai a sua presentación oficial o 11 de febreiro de 1995 sendo o seu director Juan Carlos Diaz e os eu presidente Alejandro Bastos. Esta presentación estivo apadriñada pola “Agrupación Musical de O Rosal” e como banda convidada a “Banda-Escola de Música de Beade”.

Cabe sinalar que no seu primeiro ano de vida percorreron Venezuela, actuando en cada un dos centros culturais dese país (Caracas, Chacao, Puerto Ordaz, Valencia, Barquisimeto, Ciudad Bolívar,…) Tamén gravaron o seu primeiro compacto.

Desde 2001, participaron e obtiveron varios premios en certames organizados na nosa comunidade galega: Certame Provincial de Pontevedra, Certame de Bandas de Galicia e Certame Provincial Zonal de Pontevedra.

En maio do ano 2000, Juan Carlos Díaz Álvarez deixa a batuta e faise cargo dela Lourenço Filipe da Silva Cruz co que participaron no “XI Concurso Nacional de Bandas de Música de Murcia”, celebrado no Teatro Romea, onde recibiron o segundo premio, competindo con bandas de Granada, Valencia e Alacante.

En febreiro do ano 2003 faise cargo da batuta Francisco Abal Rosales, actuaron en eventos culturais e festivais por toda a xeografía galega, ademais de actuar en Madrid para participar na celebración de Galicia, organizado polo Centro Galego de Madrid.

Dende o ano 2007 a Banda de Música de Chapela foi dirixida por Severino Pedrosa Núñez. Ata a data músico da propia banda. No ano 2011 participan en Marina D’Or, sendo a única banda representativa da comunidade galega.

En setembro do 2011 faise cargo da dirección Santiago Barreira Davila. En xuño de 2013, realizaron a primeira gravación de dúas marchas procesionais recuperadas pola Fundación Reveriano Soutullo, arranxo do musicólogo Javier Jurado “A Sagrada Hostia” e “Santísimo Sacramento” do famoso Soutullo. Estas dúas procesións e o pasodobre “Redondela” pertencen ao arquivo da exposición itinerante “Unha vida para a música” que mostra a vida e obra do compositor ponteareán. Este mesmo ano presentaron o seu segundo compacto “18 anos en clave musical”, unha recompilación de parte do traballo musical realizado durante os seus 18 anos de vida.

En abril de 2014 puxeron música á X edición do Festival Nacional de Curtametraxes. Ese mesmo ano realizouse un intercambio coa Banda Asturiana “Lira de Luarca” As dúas bandas xuntas e os dous directores alternan na dirección de distintas pezas do repertorio de ambas bandas, contando nese momento con máis de 100 músicos no mesmo escenario.

O 18 de xaneiro de 2015, Santiago Barreira Dávila, director da banda deixa a dirección cun concerto emotivo onde a banda estreou a obra “Poema de Arealonga”, un traballo encomendado polo director, compositor Ángel Montes, como un regalo para a Banda de Música Chapela. A obra foi escrita expresamente para a Banda de Música de Chapela e foi a primeira obra adicada á parroquia. Describe paisaxes, costumes, persoas e acontecementos históricos como a Batalla de Rande, que tivo lugar na costa de Chapela. Ao final do concerto, a batuta é entregada ao seu actual director, Andrés Álvarez Hernández.

Numerosos e diferentes concertos son os que interpreta a Banda de Música de Chapela nos últimos anos. Concertos con narrador, didácticos, acompañamento a solistas, teatralizados, con apoio de imaxes, con bailaríns profesionais no espectáculo “Danzas do Mundo” así como intercambios con outras agrupacións ademais de seguir amenizando as festas populares da nosa comunidade.

ANDRÉS ÁLVAREZ

Nace en Goián (Pontevedra) e realiza os estudos de trompeta no conservatorio superior de música de Vigo. Posteriormente cursa a especialidade superior de composición baixo a tutela de mestres como Juan Eiras, Pablo Beltrán ou Fernando Buide. Especialízase tanto en composición para banda como para o medio audiovisual, con mestres da talla de Ángel Montes, Bart Picqueur, Franco Cesarini, Bert Appermont, Óscar Navarro ou Ferrer Ferrán. Na campo da dirección asiste a diferentes cursos e clases con mestres como José R. Pascual Vilaplana, Carlos Díaz, Rafa Agulló, Javier Viceiro, David Fiuza, Frank de Vuyst ou Jan Cober.

Impartiu numerosos cursos de composición e instrumentación por toda a xeografía española e portuguesa e formou parte de diferentes xurados, entre os que destaca o certame internacional de banda Flicorno D’Oro en Italia.

Dentro do campo audiovisual traballou en publicidade para diferentes firmas comerciais, así como en diversas curtametraxes, entre as que destacan «The Vivian Girls» ou o documental «A arte da humildade», sobre o pintor galego Antonio Fernández.

Colabora asiduamente co compositor Óscar Navarro como compositor asistente e orquestrador. Destacan a longametraxe «Sueños de Sal» (gañadora do Goya á mellor película documental no ano 2015), e as orquestracións de «El Olimpo de los Dioses» e da suite para banda e orquestra da banda sonora de «La Mula», nominada a mellor música orixinal nos premios Goya 2014.

Dende o ano 2015 traballa e colabora co compositor toresano David Rivas en diferentes composicións e proxectos, entre os que destacan a suite para banda «Las edades del Hombre» e o proxecto «Simeó Sinfónico» realizando a estrea deste último proxecto coa banda Ciudad de Oviedo.

Tamén forma parte do equipo de traballo do compositor Sergio Moure como orquestrador e compositor asistente, con quen traballou en proxectos como «Seis Hermanas» e «Hospital Valle Norte» (ambos para TVE), así como na longametraxe «La gallina Turuleca».

Traballa como compositor e arranxista para diferentes solistas internacionais como o quinteto Rubato, Simant Duo, Adrián Silva, Roberto Oliveira, Luis Antonio Pedraza, Ignacio Fernández, Rubén Simeó e Arturo Sandoval.

As súas obras ten sido interpretadas como obras libres e obrigadas en diferentes certames da xeografía española e internacional e foron estreadas e interpretadas en países como Francia, Bélxica, Holanda, Australia, Xapón, Venezuela ou Colombia. Cabe destacar a xira por Brasil en 2015 co quinteto de vento Rubato para a estrea do concerto Symphonic Sketches, para quinteto de vento y banda, que o propio compositor dirixiu coa banda sinfónica de Cubatâo no teatro SESC de Santos.

Entre os diversos premios de composición que lle ten sido outorgados, destaca a mención de honra nos premios Hollywood in Media Awards, entregado nos Ánxeles pola súa composición Symphonic Sketches.

Na actualidade, Andrés Álvarez compaxina o seu traballo de compositor coas súas funcións como director artístico da Banda de Música de Chapela (Pontevedra) e como profesor de análise e orquestración na Academia Europea de dirección de Banda (Portugal).

Programa do concerto
– Soñar en Xirimbao (Ángel Luis Fernández)
– Santo Grial (Andrés Álvarez)
– Perfect (Michael Brown)
– Festival Suite (Andre Waignein)
– Namaste (Andrés Álvarez)
– Symphony nº 4 (Andrew Boysen Jr.)
– Bolero per a Lluis (Azael Tormo)
– La vida es Bella (arr. Andrés Álvarez)
– When the rain is coming (Timothy Travis)
Bis: Gangnam Style (arr. Michael Brown); Mozos do Penedo (H. Cambeses Carrera)