Banda de música Belas Artes de Cangas
26 Setembro, 2021 @ 13:30 - 14:30
Banda de música Belas Artes de Cangas
Baiona, Praza de Santa Liberata
26 Setembro 2021, 13:30
Descrición
0.- Antecedentes históricos.
As primeiras informacións das que se teñen constancia escrita da existencia dunha agrupación musical en Cangas datan de Outubro do ano 1850 cando un grupo de veciños comezaron a estudar solfexo para pórse a tocar un instrumento.
I.- Primeira etapa.
No ano 1926 xurde a “Banda de Música de Cangas”. O seu primeiro director foi D. Marcelino Carballo Villaverde. O mestre Carballo está á fronte da Banda de Música Popular de Cangas ata a República, pasando a dirixir durante un tempo a Banda de Música de Silleda.
II.- Segunda etapa.
A Banda de Música pasa a estar dirixida polo extremeño Don Lucas Ramírez Muñóz, que a parte de ensaiar a Banda tamén daba clases de piano o que o facía un gran director e mestre para as artes musicais.O traballo dos seus compoñentes e o tesón de Don Lucas fixo que a banda de música de Cangas cobrase corpo e pouco a pouco fora colleitando éxitos, chegando a ser una das principais da provincia.
Esta banda durou ata o ano 1936, entrando nun período de ausencia ata a década dos corenta.
Etapa de Transición.
Ao rematar a guerra civil retorna a Cangas o Director D. Lucas Ramírez Muñóz e forma unha nova banda que foi a banda xuvenil “Frente de Juventudes” tendo a súa primeira actuación o 19 de Marzo de 1941.En Outubro de mesmo ano márchase o director e faise cargo da mesma o mestre Eugenio Carballo ata finais de 1942.
No ano 1943 se fai cargo da banda un carabineiro xubilado chamado D. Plácido e nese mesmo ano disólvese a banda.No ano 1949 se forma outra banda xuvenil dirixida polo que fora fundador da banda de música no ano 1926, o Mestre D. Marcelino Carballo Villaverde, a cal dura aproximadamente un ano.
III.- Terceira etapa.
Logo dunha larga xestión para reagrupar os músicos dispersos ao longo da Vila o alcalde do Ilmo. Concello de Cangas D. Ladislao Castro Castro e Manuel González Martínez (“Manolito Chilola”) xunto cun pequeno grupo de entusiastas, dan lugar á aparición da Agrupación Musical “Belas Artes” de Cangas, dirixida polo mestre D. Luís Rodríguez Puga, músico militar da do rexemento de Murcia de Vigo.
Durante a dirección de D. Luís Puga a Agrupación musical celebra por todo o alto a festividade da súa patroa “Santa Icía”. Pola mañá tocábase a famosa “Diana” e despois de escoitar a Santa Misa celebrábase o xantar de irmandade entre os músicos e o Director. Durante a noite tocábase polas rúas de Cangas unha serenata. Algo que cincuenta anos despois séguese mantendo como unha tradición na nosa vila.
Os éxitos desta banda espallábanse por toda a xeografía galega entre as que estaban as famosas “Verbenas de Vigo” e as festas de Santa Rita en Vilagarcía, ademais de actuacións na veciña Portugal como as festas de Sao Bento no pobo de Traviscoso (Monçao). D. Luís Puga estivo á fronte desta Banda ata o ano 1963, a partir desa época e durante nove anos a Banda estivo sen director.
IV.- Cuarta etapa.
Polo ano 1972, D. Manuel Blanco Soliño e outros antigos membros reagrúpanse de novo para continuar dando nome á “Belas Artes”. E así formaron con tan só trece músicos a Banda de Música “Belas Artes” ata o ano 1982.
Durante o ano escolar 1982-1983 comeza a funcionar, baixo o patrocinio do Ilmo. Concello de Cangas no Colexio Público Nazaret a Escola de Música de Cangas dirixida polo Mestre Eugenio Carballo e o Mestre Inocentes Camaño.A partir de aquí co Mestre Inocentes Camaño á cabeza e coa colaboración entusiasta de D. Jesús Cordeiro, comeza a moderna traxectoria desta agrupación coa inclusión de xente xoven e de novo repertorio, pasando a ser 42 compoñentes.
No ano 1985 fúndase a Asociación Cultural “Belas Artes” e no ano 1988 edítase o que é o seu único disco de estudio chamado “Cangas pobo encantador” Dende 1990, ano no que falece o mestre Camaño, pasa a dirixir a Banda o subdirector e membro da Banda D. Alberto González Avilés.
Por esta agrupación pasaron directores como son D. Antonio Budiño Durán, D. Pedro García Larroque, D. Alfredo Sánchez Murcia, D. Eduardo González López, D. Jose Luís Loureiro Durán, D. Xulio Álvarez Pereiro e D. Santiago Barreira Davila.
Na actualidade, e dende outubro do ano 2017, o Director é D. Humberto Carballo Martinez.
A finais de 1999 a Asociación comeza a traballar na creación da Sección Xuvenil “Belas Artes” algo que é unha realidade uns meses máis tarde, en febreiro do ano 2000. Actualmente, e tras un parón de varios anos, estase a recuperar esta sección que xa está traballando dende o ano 2020.
No ano 2019, a Banda de Música “Belas Artes” de Cangas recuperou a súa Escola de Música co obxectivo de crear unha canteira que lle permita futuro á agrupación e poder ofertar as prazas ás que non chega a Escola Municipal debido á gran demanda, así como ofertar especialidades que son necesarias para a banda pero que non teñen na Escola Municipal.
A Agrupación Belas Artes participou en diversos festivais tanto en Galicia como no resto do territorio nacional e en diversos certames acadando moi bos resultados como o Primeiro Premio da Segunda Sección do Certame de Bandas organizado pola Excma Deputación de Pontevedra no 2002 e 2003, o Primeiro Premio da Primeira Sección no I certame zonal da Deputación de Pontevedra en Xullo do ano 2008, o Cuarto Posto no XIII Certame Provincial de Bandas de Música da Diputación de Pontevedra e o Cuarto Posto obtido no X Certame Galego de Bandas de Música que organiza a Federación Galega de Bandas de Música.
Programa do concerto
– Rúa da Fonte (Antón Alcalde)
– Pilatus: Mountain of Dragons (S. Reineke)
– Muiñeira dos clarinetes (Simón Couceiro)
– Oblivion (A. Piazzolla)
– Suite Galaica (Antón Alcalde)
– A tribute to Amy Winehouse (arr. Peter Kleine Schaars)
– Pasodobre Popular (Popular)
– Don Pajarita (Ferrer Ferrán)
– O Gordo da Rotonda (Santiago Barreira Davila)
– Que rico el mambo! (D. Pérez Prado)