Cargando eventos
Este evento pasou.

Banda de música A Unión de Guláns

  • Praza da Igrexa de Quins, Melón

  • 25 Setembro 2021, 18:45

Descrición

A “Unión de Guláns” é unha das bandas de música máis antigas de Galicia. Comeza a súa andadura na década de 1870, en Guláns, aldea da vila de Ponteareas.O seu fundador e primeiro director foi José Carracedo Domínguez. Continuou o seu fillo Constante Carracedo González, quen á fronte da banda participou nos actos de homenaxe a Reveriano Soutullo en Ponteareas en 1929, xunto coas Bandas do Rexemento de Murcia, e as municipais de Vigo, Ponteareas, Tui e Mondariz.
A partir de 1934, o director foi José Carracedo Ucha (neto do primeiro) ata 1947. Ata entón, a banda non levaba no nome “La Unión”; pasa a chamarse“La Unión de Gulanes”. Desta formación xurdiron recoñecidos músicos, como Rogelio Groba Groba, director da “Unión de Guláns” de 1947 a 1952, compositor de renome internacional. Tamén destacan Miguel Groba Groba, director de 1952 a 1956, director do Coro e Orquestra de Cámara da Comunidade de Madrid e mestre do Real Conservatorio de Música; ou Indalecio Fernández Groba,director da Unión ata 1959, director da Banda de Música Municipal da Coruña.
A partir de 1959 dirixen á banda os foráneos Antonio Baquero, Francisco Rodríguez, José Fariñas Rogelio Loureda, e en 1968 un discípulo da “Unión”, José Carracedo Pousada (bisneto do fundador), sendo galardoada a banda baixo a súa dirección no Concurso de Bandas Populares da Cidade de Ourense no ano 1971.
En 1972 , a batuta volve a outro foráneo, Javier Basoco, seguido de Plácido Lorenzo, José Aradas, Alfonso Méndez, José Guillén e José Oro-Val, ata finais de 1982.
Neste ano asume a dirección José Fernández Prego ata finais do 1990, cando, entra Hipólito Fernández Fernández, nomeado Director Honorífico da agrupación en 2001. A batuta pasa a mans da gulansesa Alicia Porto Fernández, que tamén xorde da escola e actual directora.
Son numerosas as actuacións que realiza, as máis significativas son: gravación dun LP en 1979; a participación na película La Hora Bruja(1985); a inauguración do auditorio Reveriano Soutullo(1986); a participación no programa da TVG 0 Son dun Pobo en 1989; a actuación en 1991 no colexio San Agustín de Salamanca ou a participación nas festas Brueguel de Bruselas en 1992.Realizou actuacións en diversos programas de TVG (Luar, Galicia Enteira) e TVE (Desde Galicia para o mundo).
No século XXI destacan: a gravación dunha casette, a actuación no Centro Galego de Lisboa (Portugal) en 2000, e a homenaxe e nomeamento como Director Honorífico a D. Hipólito Fernández en 2001, a participación no “IV Certame Provincial de Pontevedra” e a gravación dun CD en 2004. No 2005 participa no “V Certame Provincial de Pontevedra”; e na inauguraración das obras da Casa Cultural de Guláns. No ano seguinte participa no “VI Certame Provincial de Pontevedra”.
No 2010 participa no “3º Concurso Zonal da provincia de Pontevedra”, no que acadou o 3º posto, realiza un intercambio coa Banda de Música de Foz (Lugo) e organiza o “I Festival de Bandas de Música Populares de Guláns”, coas Bandas de Foz (Lugo), Xinzo (Ponteareas) e Guláns. Fai unha Xuntanza entre todos os directores e músicos maiores de 50 anos que pasaron pola “Unión de Guláns”e participa no Programa de “Xente con Xente”.
En 2011 participou nos Festivais de Bandas de Torroso (Mos) e Xinzo (Ponteareas), e na reapertura do Auditorio Reveriano Soutullo. Organiza o “II Festival de Bandas de Música Populares de Guláns”coas Bandas de Rubiós (As Neves), Coruxo (Vigo) e Guláns; e fai unha Homenaxe a tódolos compositores que pasaron pola Banda con raíces gulansesas: Benigno Prego Rajo, Rogelio Groba Groba, Miguel Groba Groba, Indalecio Fernández Groba, José Carracedo Pousada e Alicia Porto Fernández. Faise unha nova xuntanza de antigos músicos maiores de 50 anos e socios colaboradores.
En 2012, a Banda realiza un Concerto no Auditorio Reveriano Soutullo co repertorio do programa interpretado na “Homenaxe os nosos Compositores”. Recibe o Premio das ARTES 2012 de man da Fundación Cumbres do Suído do Condado. E organiza unha verbena na casa cultural de Guláns para rememorar os antigos bailes da parroquia. A banda grava un novo CD de bailables.
En 2013 recibe o Premio Concello de Ponteareas no apartado cultural, presenta o novo traballo discográfico titulado “BAILANDO COA UNIÓN”. Dende o 2014, a banda participa nas actividades organizadas pola Federación Galega de Bandas de Música Populares como “Música no Camiño”.
No 2015, con motivo de centenario da casa da sociedade de Guláns (actualmente local da escola de música) a Banda realiza unha exposición de fotografías, instrumentos, traxes, etc.. e publica o libro “Un paseo pola historia da Unión”.En 2016 realiza un concerto conxunto co coro I.E.S Val do Tea de Ponteareas dirixido por Julio Domínguez.
En 2019 presenta o proxecto “Músicos In Black, Expediente Guláns” en conxunto co grupo de teatro “Todos Xuntos” da parroquia de Guláns, e premiado pola Agadic por medio da FGBMP baixo o Plan Innova.
A banda interpreta diversos xéneros musicais: clásica, zarzuela, lixeira e típica galega entre outros, así como bailables que amenizan as verbenas. A media anual de actuacións é de cincuenta espectáculos, entre concertos, actos culturais e recreativos, festas populares e verbenas. Actualmente a Banda está formada por arredor de 50 compoñentes, á vez alumnos das diferentes especialidades que se imparten na escola.

ALICIA PORTO FERNÁNDEZ
Nace en Guláns no ano 1972 nunha familia de longa tradición musical. Aos oito anos comeza os estudos de solfexo na Escola de Música “Unión de Guláns”e matricúlase no Conservatorio de Música Reveriano de Ponteareas, filial do Conservatorio Superior de Vigo. Con dez anos entra a formar parte activa na banda tocando o requinto. Ao rematar cuarto curso de solfexo trasládase ao Conservatorio Superior de Vigo para continuar os estudos de solfexo, clarinete e piano.No ano 1992, e por decisión dos compoñentes da banda, ocupa a praza de subdirectora, xunto con Hipólito Fernández (director titular).
En 1997 trasládase a Santiago para rematar os estudos de Bioloxía que comezara na Universidade de Vigo. Nesa etapa compaxina os estudos universitarios coa música, ademais de impartir clases de clarinete e solfexo no seo da escola de música da “Unión de Guláns”.Unha vez rematados os estudos de Bioloxía regresará a Guláns para dedicarse por completo á música, asumindo cada vez máis responsabilidades nas tarefas de dirección.Amplía os seus coñecementos de armonía, formas musicais e contrapunto co mestre Sergio Álvarez. Asiste tamén a diversos cursos de clarinete e de dirección de banda con mestres coma o holandés Jon Cober ou Javier Viceiro.Nesa época tamén actúa como directora na presentación da obra “Raíces Gulansesas”, do compositor Rogelio Groba, convidada pola banda de Música Municipal da Coruña.Asistiu aos cursos de clarinete impartidos pola Federación de Bandas de Música Populares de Galicia, entre outros.
Recibiu clases de Hipólito Fernández, ademais de asistir como oínte a cursos de trompeta (Vicente Simeón) ou de saxofón (Pablo Coello).Ó longo de oito anos dirixíu a Nova Lira de Monterroso,e formou parte como clarinetista da banda da Federación Galega de Bandas de Música Populares.Actualmente dirixe a Banda de Música “Unión de Guláns”, imparte clases de clarinetee solfexo na escola “Unión de Guláns” e tamén dirixe a banda xuvenil de dita escola. Ademais de continuar os seus estudios de clarinete, dirección e percusión.
Programa do concerto
– Saludo a Lugo (Indalecio Fernández Groba)
– La pícara molinera (Pablo Luna)
– O fatoeiro (F. Pérez Seara)
– Pops in the spots (arr. Roland Kernen)
– Abba Gold (arr. Ron Sebregts)
– Ganade (pasodoble) (Denis González)
– Sway (arr. Andrea Ravizza)
– Os Tamara (arr. Alicia Porto)
– Feiticeira (José Carracedo)
– Namoriqueira (José Carracedo)