Cargando eventos
Este evento pasou.

Banda Artística de Merza

  • Teixeiro, 15310 Teixeiro, A Coruña, España

  • 19 Setembro 2021, 13:30

Descrición

Fundada no ano 1828, é a agrupación popular máis antiga de Galicia. O primeiro director do que se ten constancia foi Anselmo González ó que sucedería o seu neto Roxelio Otero. No ano 1930, a banda dividiuse en dúas agrupacións, a Banda Vella dirixada polo citado mestre e por Mariano Rodríguez; e a Banda Nova dirixida por Ramón Sueiro e Manuel Blanco. O 13 de xullo de 1939 coa dirección de Xesús Cao González vólvense a xuntar ambas formacións.

Os directores máis destacados son Xosé Fiuza, Francisco Beristain, Enrique González, Rafael Aladrén, Feliciano Cagide, Francisco Ortega, Enrique García Rey, Antonio Castro, Amadeo Valero, Antonio Amigo, Alejandro del Río, Miguel de Santiago, Vicente Paniagua, Xurxo Guzmán, Serge Fortin, José Rodríguez Ramos, José Luis Quintás Carreira, David Fiuza Souto e Mateo Gómez Naval.

Como directores convidados destacan José Casal, José Manuel Collazo, Xosé Carlos Seráns, Marcel Van Bree, Ángel Crespo, David Fiuza, Fernando Marinho ou Jan Cober.

Ten actuado por toda a xeografía (Auditorio de Galicia, Palacio da Ópera, Auditorio Municipal de Ourense, Pazo da Cultura…) en Asturias (Teatro Filarmónico de Oviedo), Valencia (Palau de la Música), Cantabria, Cataluña, Madrid (Teatros del Canal), Portugal (Casa da Música en Oporto) e Italia, xiras por Venezuela nos anos 1982 e 1992, e Arxentina en 2000. No 2009 participa no W.M.C. (World Music Contest) de Kerkrade sendo a primeira banda galega que concursa en tan prestixioso certame.

Participa asiduamente en festivais e certámenes coma son os de Vigo, Cangas, Santiago de Compostela, Ourense, Lalín, Vila de Cruces, Catoira, Castrelo, Gres, Ordes, Meaño, Boqueixón, O Rosal, Valadares e Pontevedra en Galicia, Altea e Valencia na Comunidade Valenciana, La Senia en Tarragona, Monçao e Trofa en Portugal, e Kerkrade en Holanda, e en gravacións para programas da Radio e Televisión de Galicia.

En 1981 edita o seu primeiro disco “Bandas Galegas”, no ano 1998 o seu primeiro CD “171 Anos de Tradición Musical”, en 2003 o seu segundo CD “Aniversario” e no 2010, os CD’s: “A Música de Merza – Solistas” e “Merza – Un Século de Certames”. No ano 2016 grava “Antoloxía do pasodoble no século XXI“ e no 2019 o CD “El Amor Brujo”.

Entre os premios acadados destacan:• 1º Premio no Certame de Bandas de Música de Santiago de Compostela no 1910.• 3º Premio no Certame de Cangas no ano 1985.• 3º Premio no Certame Celta celebrado en Vigo no ano 1986.• 3º Premio no Certame de bandas de Lalín no ano 1990.• Mención Honorífica no I Certame Galego de bandas de música populares no 1995.• 2º Premio na Sección Segunda do Certamen Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia no 2002.• 1º Premio e Mención de Honra na Sección 1ª do II Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra no 2002.• Premio da Cultura do Concello de Vila de Cruces no 2003.• 1º Premio na Sección 1ª do III Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra en 2003.• 1º Premio e Mención de Honra na Sección Especial do IV Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra en 2004.• 1º Premio, Mención de Honra e “Trofeo Vila D’Altea” na Sección 1ª do XXXIII Certamen Internacional de Bandas de Música Vila D`Altea 2004.• 1º premio e Mención de Honra na Sección Especial do VI Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra 2006.• 1º Premio, Mención de Honra e “Trofeo Vila D’Altea” na Sección 1ª do “XXXV Certamen Internacional de Bandas de Música Vila D`Altea” 2006.• 1º Premio na Sección Especial do I Certame Galego de Bandas de Música 2007.• 2º Premio na Sección Especial do VIII Certame Provincial de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra 2008.• 2º Premio na Sección 1ª do “XXXVII Certamen Internacional de Bandas de Música Vila D´Altea” 2008.• 1º Premio na Sección Especial do III Certame Galego de Bandas de Música 2009.• 2º Premio na Sección 1ª da edición 126 do “Certamen Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia” no 2012.• 1º Premio na Sección 1ª do VI Certame Galego de Bandas de Música 2012.• 1º Premio e “Corbatín de Oro” na 41 edición do “Certamen Internacional de Bandas de Música Vila D`Altea” 2014.• 1º Premio na XI edición do “Certamen Internacional de Bandas de Música Vila de La Sénia” 2017.• Premio na VII edición dos “Premios Martín Codax da Música” na categoría de Bandas de Música Popular no 2020.

A finais dos anos 70 comeza a súa actividade a Escola de Música da Banda Artística de Merza cos mestres Amadeo Valero e Ramón Guzmán. Actualmente, conta con grupos de cámara e da Banda Xuvenil e Banda Infantil da Artística de Merza.

Hoxe ten federados máis de 100 músicos, moitos deles profesionais, está considerada unha das mellores e máis atractivas bandas de música galegas.

MATEO GÓMEZ NAVAL
Mateo Gómez Naval (Viveiro – 1988). Comeza os seus estudos de trombón á idade de 8 anos no Conservatorio Municipal de Música de Viveiro có mestre Delio Represas, e no cal remata os estudos de Grao Medio. Continúa a súa formación no Conservatorio Superior de Música de A Coruña cós profesores Arturo Centelles e Iago Ríos, acadando o título de Grao Superior na especialidade de trombón coas máximas calificacións.Ao mesmo tempo asiste a numerosas clases maxistrais e cursos de perfeccionamento con mestres de prestixio internacional como Brand Attema, Jacques Mauger, Alberto Urretxo, Francisco Rosario, Petur Eiriksson, entre outros.

Foi membro activo da Orquesta Joven da Sinfónica de Galicia, da Joven Orquesta de Cantabria, da The World Orchestra, e da ADDA Sinfónica de Alicante. Así mesmo é trombón principal da Orquesta Gaos dende o ano 2009, trombón solista da Banda Ferrolá de Música e colabora con numerosas bandas e agrupacións de toda a xeogafía galega. Formou parte da Orquesta do Festival da Canción do Landro e da banda de blues Moondogs Blues Party.

No ano 2010 estuda na Kungliga Musikhögskolan i Stockholm, sendo o seu profesor Hakan Björkman. Na súa estancia en Suecia colabora como músico convidado coa Swedish Radio Symphony Orchestra, ademáis de numerosas agrupacións do país escandinavo, como a KMH Bläsorkester.

No ano 2012 acada o premio de 1a Mención de Honra no concurso Excelencia Musical organizado pola Fundación Paideia. Grazas a este premio, ten a oportunidade de grabar un CD como intérprete solista xunto ó pianista Gabriel López.

É Graduado na especialidade de Dirección Orquestral polo Conservatorio Superior de Música de A Coruña. Na súa inquietude en perfeccionar neste ámbito asiste a clases maxistrais de técnica de dirección con mestres da talla de Simone Fermani ou Rafael Vilaplana, entre outros.

Entre os anos 2014 e 2020 foi director artístico da Banda de Música Vila de Cedeira. Participa como director convidado en diferentes bandas como a Banda de Música de Ribadeo, Banda de Música de Ortigueira, Banda Municipal de Lugo…

No ámbito da docencia foi mestre de vento metal na Escola de Música Vila de Cedeira entre os anos 2014 e 2019, e na actualidade é mestre de Trombón no CMUS de Viveiro e na ESMUBU de Burela. Ademais, participa coma profesor de trombón nos diferentes Campus de Banda Sinfónica organizados na provincia de Lugo pola Federación Galega de Bandas de Música Populares.

Dende o ano 2020 é director da Banda Artística de Merza

Programa do concerto
– Ortigueira (E. García Rey)
– Cantuxa (G. Baudot)
– La Gran Vía (Chueca & Valverde)
– Camiños da Fin da Terra (A. Alcalde)
– 3ª Suite for band (A. Reed)
– Joropo (J. De Meij)
– Volvoreta (F. Pérez Seara)
– Muiñeira das Insuas de Gres (J. Lois)