Loading Events
This event has passed.

Congreso de Bandas de Música Populares de Galiza (1994)

4, 5 e 6 de Novembro de 1994 Ribadeo, Lugo
II Congreso de Bandas de Música Populares de Galiza · Ribadeo 1994

O Congreso de Bandas de Música Populares de Galiza celebrado na vila de Ribadeo os días 4, 5 e 6 de Novembro de 1994 era, en teoria, o segundo, tras un ensaio pouco ambicioso levado a termo un ano antes en Chantada. Atendendo ao que é un esquema normalizado de congreso, como reunión de análise, debate e conclusións, en Ribadeo xuntáronse por primeira vez na sua história dirixentes e directores dunhas 40 Bandas Populares de Galiza, das arredor de setenta federadas.

Esta humilde publicación recolle os textos debatidos nas sesións do Congreso e o documento de conclusións. Na edición respeitouse absolutamente a normativa ortográfica empregada por cada ponente.

Por se tratar dunha conferéncia de forte carácter divulgativo, por riba do que pudera ser unha intervención de tipo reflexivo tópica de congreso, non se inclue a transcripción da disertación do musicólogo Xoán Manuel Carreira, pésie a ter oferecido no Congreso unha ponderada visión histórica do fenómeno bandístico galego desde o pásado século. Astrevémonos a propór nesta nota a ampliación do estudo de Carreira até conformar unha monografia que ben pudera editar máis logo a Federación Galega de Bandas de Música Populares.

É de xustícia, e de músicos agradecidos, deixar constáncia de que o Congreso ribadense tivo lugar mercede a diversos patrocínios institucionais e civis. Singularmente, o apoio infraestrutural e financiero do Excmo. Concello de Ribadeo foi fundamental. A Excma. Deputación de Pontevedra financiou o concerto da Banda Unión Musical de Ponteledesma; Caixa Galicia o da Banda de Sober; e o Consórcio para a Promoción da Música / Orquestra Sinfónica de Galiza, colaborou financieiramente e cedendo instrumental para levar a cabo o sensacional concerto da Banda Sinfónica de Galiza, dirixida polo mestre Marcel van Bree. Un nutrido grupo de voluntários da Banda Municipal de Ribadeo e da Asociación «Amadores da Música» correu co peso do traballo organizativo. A todos, grácias.

A expectación levantada polo proceso de organización do Congreso, do que me responsabilizo xa fronte a calquer posíbel erro ou imprevisión, polo que de antemano pido desculpas, obrígarme a unha intervención, neste acto inaugural, máis formal do que nun princípio pretendia; a coidadosa atención que o Excmo. Concello de Ribadeo outorgou desde o comezo á organización, a estimada preséncia no acto dunha representación da Consellaria de Cultura, a atención (discreta nuns casos, entusiasta noutros) dos médios de comunicación, a de todos vostedes, obríganme a elo.

Mais non quero outra cousa que, no nome da organización, darlles a benvida a Ribadeo. Asistirán vostedes a un Congreso en cuxo labor de preparación puxemos con agarimo o noso maior esforzo, do xeito que mellor o sabemos facer; eu, e os xóvenes compoñentes da Banda Municipal de Ribadeo que me asistiron en todo intre no traballo organizativo, arroupados pola Xeréncia e a Presidéncia da Federación Galega de Bandas de Música Populares. Para eles, máis que para min próprio, pídolles a vostedes o aplauso e o recoñecimento para cando remate o Congreso.

En Xaneiro deste ano, en Compostela, o proxecto de organización do Congreso por nós apresentado á Asamblea da Federación, avaliado polo Concello de Ribadeo, obtivo o respaldo maioritário dos asambleistas, dos representantes das Bandas de toda Galiza. Defendímolo significando tres alicerces: a ponderación do noso programa, que afinal é praticamente o orixinal apresentado; o aval organizativo exhibido, baseado no que é xa, en Ribadeo, a tradición da calidade na organización de eventos musicais con agrupacións foráneas, e alomenos con entusiasmo e boa intención cando interveñen as locais; e finalmente a nosa conceición das Bandas galegas como un sector necesitado da reforma apartir da autodiagnose, da reflexión colectiva no Congreso que inauguramos.

Permítaseme engadir unha estimación absolutamente particular: as Bandas de Música, en Galiza, teñen que encetar colectivamente, máis cedo que tarde, a sua modernización; encheríame de ledícia que, tras este Congreso, Ribadeo fose considerado o ponto de arranque dese camiño.

Dou-lles a benvida máis cordial a Ribadeo que, nestes dias e mercé ao seu Congreso, reverquerá música e músicos. Música e músicos das Bandas Populares de Galiza, que foron, e ainda son, as colectividades que lle permiten a unha boa parte de poboación deste país acceder á música en vivo, isto é: sen a interdición de algun aparello megafónico.

Permitan-me, tamén, felicitá-los por este Congreso, cuxo Programa acredita unha vontade de superación en todos os ordes: o organizativo e, particularmente, o artístico. Quizais esa vontade de dignificación e mesmo de estilo, que me parece apreciar e deducir, e non só polo programa previsto, senón tamén polas moitas conversas sostidas co Director da nosa Banda Municipal, quizais, digo non é en sentido estrito unha esixéncia do público ou da sociedade, porque para que nela surxa unha demanda artística é prévia a acción decidida das institucións e, concretamente, de aquela que ten atribuida legalmente esa responsabilidades, isto é a Xunta de Galiza.

Pero, como é sabido, vivimos nun país no que non existe nen sequer unha Dirección Xeral da Música e no que a Orquestra Sinfónica tivo que ser criada por un concello. Precisamente neste noso de Ribadeo, ao igual que noutros moitos, funciona unha Escola Municipal de Música a conta exclusivamente das arcas municipais.

Pois ben: mesmamente por todo isto é altamente meritório o seu traballo diário e as suas arelas de superación: porque se trata dunha esixéncia ética, dun proído profesional por parte de persoas que —maioritariamente— non viven da música. E isto merece o noso recoñecimento e homenaxe.

Presentación

Dende hai 15 anos aproximadamente, e nos últimos anos con máis frecuencia, cada vez que me atopo con algún compañeiro, ben músico ou ben director, comezamos a falar do mesmo: Os problemas que teñen as Bandas de Música.

Ó facer este traballo non está no meu ánimo o faltarlle a ninguén nin busco ofender a ninguén, simplemente está na miña intención crear unha polémica, unha discusión (se é posible) ou mover as agrupacións Bandísticas xa que considero que neste momento atópanse estancadas.

É preciso deixar de queixarnos e de botarlle a culpa de tódolos problemas ós demáis (Concellos, Xunta de Galicia, Deputacións, Comisións de festas...) e pensar que da maioría dos problemas que nos aqueixan somos nós os verdadeiros culpables. É preciso pasar da cultura das lamentacións á cultura da organización, da creatividade de querer e tentar trocar as cousas, e nalgún caso pasar á cultura de confrontación sempre que esta sexa boa e sirva de proveito e de revulsivo para o mundo Bandístico en Galicia.

As Bandas de Música en si mesmas

A importancia que as Bandas de Música tiveron a través do tempo, tanto culturalmente, socialmente coma en menor medida economicamente quiando inclusive parte da nosa idiosincrasia, de todos é coñecida e sería por outra banda incuestionable.

Debemos en grande medida ás Bandas de Música en seren os verdadeiros Conservatorios de Música, cuna dos grandes compositores, directores e profesores con que contou e conta na actualidade Galicia.

As Bandas de Música populares galegas podemos datar o seu nacemento a partir do ano 1850. Foi a partires deste século cando as Bandas de Música comezaron a ser grupos máis nutridos e realizaban a aprendizaxe a través do solfeo, acadando pouco a pouco unha calidade artística cada vez máis elevada.

Por distintos avatares as agrupacións bandísticas sufriron altos e baixos ó longo dos anos. Como máis significativo podemos sinalar a Guerra Civil (1936) que fixo que a maioría das Bandas de Música existentes nese momento desaparecesen. Tamén a emigración, primeiro ás américas e a partir dos anos 60 a Centro-Europa fixo que pasaran por momentos difíciles, levando incluso á desaparición de moitas delas.

¿E nós que ofrecemos? Precísase pasar da cultura das lamentacións á cultura da organización e da creatividade.

En canto ó seu rexime interno, a maioría declaradas coma Asociacións Culturais non funcionan como tales. Con todo o seu organigrama (presidente, tesoureiro, vocais, etc.) é o Director, é o Contratista o que leva normalmente toda a organización das agrupacións, fai e desfai a súa maneira sen contar cos demais compoñentes. (Polo tanto un rexime demasiado antigo).

Os Directores

De todos é sabido que tódolos directores que dirixen as bandas de música populares nacen no seo das mesmas. Normalmente esíxese para tal menester á persoa que se considere máis dotada musicalmente, aquela que nos parece que ten boas formas, é alegre ou ben aquela persoa que ten unhas claras actitudes de dominio sobre os demais, impoñendo as súas ideas e facéndose respetar. A partir de ahí toda a súa formación, preparación, perfeccionamento pasa por ser autodidacta.

A actitude do director, igual que todo, debe evolucionar a través do tempo e sobre todo debe levar consigo o seu perfeccionamento no traballo.

Os Músicos

Comezan a súa formación, ben porque no seu pobo exista unha agrupación bandística, ben nun lugar próxima, porque teñen algún compañeiro que pertencen a algunha ou ben porque existiu certa tentación ó escoitar algunha nun día de ruada.

A maioría da xente xove que forma parte das Bandas de Música, cando chegan ós 20, 23 anos ou cando se casen, normalmente abandoan as agrupacións, sobretodo pola incompatibilidade da forma de divertirse actual de hoxe en día.

Asociacionismo · Federación

A Federación Galega de Bandas de Música Populares vai xa para os 8 anos de vida e o resultado, penso, é do máis desolador. Os problemas que se trataron nas reunións habidas ata hoxe, seguen no mesmo lugar de sempre e nalgún caso empeoraron. Hai cantidad de músicos que non saben sequera que existe a Federación.

Conclusións e puntos a ter en conta

  • Que as Bandas vaian cara a un camiño máis digno e máis apropiado para os tempos que corren.
  • Que as directivas se constitúan como asociacións culturais e funcionen como tales.
  • Buscar sistemas de financiamento, onde non só se recurra ós entes públicos.
  • Cambiar a función das bandas, limitar só a súa actuación a pasarrúas, procesións e concertos.
  • Deixar de actuar nas verbenas.
  • Que os horarios das actuacións sexan normais e compatibles.
  • Ensinar a escoitar música.
  • Fomentar e potenciar certames e concursos de interpretación de Bandas de Música.
  • Realizar intercambios con bandas incluso de outras comunidades.
  • Fomentar a composición de obras para as bandas de música.
  • Fomentar a formación de directores a través de cursos, cursiños, etc. para chegar á súa profesionalización.
  • Que os directores se encarguen só da parte artística das agrupacións.
  • Que a Federación teña un peso específico. Creación dun arquivo musical e dun boletín informativo.
  • Dar cobertura de todo tipo de información de cara a crear escolas de música.
  • Manter unha intensa información na prensa.

O título da miña ponencia remite solapadamente á obra de Marcuse e á crítica que éste fai do home unidimensional e da alienación que leva aparellada. Quero aclarar que só intenta ser unha breve reflexión sobre as Bandas de música nunha dimensión actual e que considero pluridimensional.

Para o desenrolo da ponencia parto da necesidade instrumental de analizar o significado da Banda de Música nun universo multidimensional onde dito significado participa de varios sistemas interrelacionados. Nun primeiro intre pártese dun proxecto individual — un proxecto orixinario de facer unha agrupación musical popular aberta a todos os estratos do pobo, onde convivan madeiras, metais e percusións. O segundo nivel de significación ven dado polo darse conta de que existe neste proxecto inicial un sistema supraindividual de ideas, valores e obxectivos.

Necesítanse un conxunto de intencións abertas de saber qué é o que se quere facer; non estancarse no «ser» senón analizar o «deber ser».

Xa no terceiro nivel de significación a Banda de música participa dunha sociedade particular que en si mesma integra diferentes e incluso conflictivos proxectos individuais. Intentar que na actualidade a Banda de música cumpla o mesmo significado social que o que tiña a principios de século sería unha auténtica aberración cronolóxica.

Desde istos tres niveis de significación que están intrinsicamente relacionados o que intento dicir é que o sentido actual da Banda de música ten que basearse non só na dimensión única, exclusivamente musical, e cuasi alienante de ensaio mais concerto, senón que se debe asentar nun novo paradigma como é o pluridimensional.

Moitas agrupacións musicais na actualidade seguen movéndose exclusivamente no binomio de ensaio mais concerto, alienándose unidimensionalmente no tocar «os tres pes»: Procesións, Pasarruas e Pasodobles. A banda de música ten que abrirse a novas dimensións musicais, aproveitar todas as posibilidades que nos ofrece a contemporaneidade.

Se partimos de que o músico pode sentirse alienado, a miña idea é de que o jazz serviría como compensador da alienación grupal, reivindicando a diferencia individual. A formación jazzística daríalle unha nova dimensión á Banda recuperando a individualidade.

A Banda de música asume así un papel que partindo dos vellos modelos non se ancora neles, senón que busca novas dimensións: seguiranse tocando pasodobles populares, polkas e marchas militares, pero ábrese a visión á música clásica, ás bandas sonoras de películas, á música étnica, ao jazz e mesmo ao pop e ao rock; conviven sons populares con melodias modernas, Rogelio Groba con Duke Ellington, John Williams cos Beatles.

A cultura musical convirtese en cultura vital para o pleno desenrolo do individuo.

O que quero é demostrar que como di o refrán «cada maestrillo ten o seu librillo», e así a plantilla das Bandas de Música de Galicia non se corresponde coas de outras comunidades españolas nin coas estranxeiras. O que sí quero é dalgunha maneira demostrar que en Galicia a música das bandas entra máis pola vista que polo ouvido.

Definicións

Se designa bajo este nombre un conjunto formado por varios instrumentos de diversas especies, y en particular de viento y percusión, que se diferencia de la orquesta no sólo por su restringido cuerpo instrumental, sino también por tratarse de una combinación especialmente adecuada, por su potencia sonora, para la interpretación de música al aire libre. (MUSICALIA de SALVAT).

As Bandas populares de música constituenas homes, que moitos dias do ano, despois de traballar na terra ou no mar, cambian a sacha ou o remo polo fliscorno ou bombardino e empuxados polo alento do pobo, fan vibrar a música humilde e grandiosa, dos lagregos, mariñeiros e canteiros. (XOSE LUIS BERNAL «FARRUCO»).

O Plantel das Bandas onte e hoxe

En Galicia, as primeiras formacións bandísticas surxiron a mediados do século pasado. O certo é que as primeiras bandas que surxiron en Galicia non tiñan a mesma plantilla que teñen as de agora. Estas primeiras formacións bandísticas non se coñecían polo nome de BANDA, senon polo de MUSICA: A MUSICA DE SOBER, A MUSICA DE RIBADAVIA, A MUSICA DE RIBADEO.

O plantel das agrupacións daquela tiña que ser forzosamente distinto o de hoxe, porque os instrumentos non eran os mesmos, nin as instrumentacións que se facían tampouco. Nas fotografías máis antigas que se atopan, as Bandas figuran sin Saxofós, algo lóxico tendo en conta que foi un instrumento creado en 1840.

Na actualidade podemos afirmar que en Galicia duas bandas co mesmo número de compoñentes, non coinciden no seu plantel, e en moitos casos podemos ver diferencias moi notorias.

Colocación en concerto, pasarrúas, fotografías…

Ao falar da colocación das bandas, voltamos ó mesmo: para as actuacións séguese pensando que a música entra máis polos ollos e non se ten en conta a posibilidade de que soe peor o conxunto. Sen dúbida a colocación dunha banda ou a de un soio músico ten máis importancia da que a menudo se dá.

Non pretendo chegar a ningunha unificación de criterios nin nada polo estilo, o que sí quero é que servira para algo, a pesares do que di o refrán de cada maestrillo ten o seu librillo, penso que moitas cousas teñen unha razón de ser máis que demostrada.

Como decía Avelino Albuin de Tembra no programas das Bandas que dirixía na Radio Galega, a todos, neste caso, UN SABADO ARMONICO E FELIZ.

Nos ámbitos do pensamento avanzado sempre se estimou sintomaticamente progresista a capacidade humana, individual ou colectiva, para modernizarse, sobre todo cando a cotidianeidade nos colle distáncia e entramos na zona de perigo do aillamento e da ancoraxe na anacronia.

Dignificar as actuacións das Bandas

Máis a secuéncia esquemática dunha actuación típica dunha Banda galega en verán un dia de festa segue a ser: tocar para despertar, tocar para honrar santos patróns, tocar para enxugar o aperitivo, tocar para bailar.

A Banda, na Galiza, toca para que a escoiten as menos das veces.

Reducir as actuacións incidentais

Eis a nosa alternativa: reducir até o razoábel as actuacións de carácter incidental, protocolário e mesmo exclusivamente lúdico. O cauteloso mantenimento de certas tradicións aconsella que toque a Banda na procesión (curta, por favor) do Patrón da vila, na de Corpus, e todo o máis no Santo Enterro. Trátase de dar co ponto de equilibrio que conxugue unha tradición interpretada con patróns culturais coa modernidade e o progreso social.

A función social das Bandas de concertos

E unha Banda moderna e progresista é a que é capaz de se erixir en todo intre en colectivo axente cultural, con iniciativa instrutiva e intelixéncia nas formas. Hoxe, estimamos, a conceición dunha Banda ha ser a dunha moderna Banda de concertos. Concertos encardinabeis nas programacións culturais dos concellos, concertos promovidos pola própria Banda, concertos en réxime de intercámbio con outros conxuntos de similares pretensións sócio-culturais.

O repertório

Naturalmente, non serve o repertório máis tradicional, os mesmos paso-dobres e as mesmas paráfrases de zarzuela desde hai médio século ou máis. A experiéncia está a demostrar que a intelixente combinación en programa das músicas de cine, orixinal para Banda e moderna, coas transcripcións de obras sinfónicas, cria paseniñamente un novo público para a Banda, fundamentalmente xoven, sen perder en absoluto ao sector tradicional.

As Bandas nos médios de comunicación

Non hai na TVG —e non hai na TVE e moito menos nas cadeas privadas— un espácio específico, dentro da franxa cultural, dedicado ás Bandas. As Bandas de Música Populares de Galiza deben, colectivamente, expresar o seu agradecimento a don Avelino Abuin de Tembra polo seu labor de anos de difusión da música de Banda pola Radio Galega.

O problema da financiación

O problema —que é o que son os cartos para as Bandas, un problema— é absolutamente político. Nós defendemos a centralización total das subvencións da Consellaria de Cultura ás Bandas na Federación, entidade susceptíbel de calquer crítica que non sexa infantil e que ademáis é perfeitamente fiscalizábel por todos nós.

Apoio crítico á LOXSE musical

A LOXSE, agora, permite a formación reglada dos músicos nas Escolas Populares e o seu acceso, chegado o caso, aos estudos profesionais nos Conservatórios de Grao Médio ou Superior coa mesma consideración que un pianista, que un violoncelista ou que unha soprano.

Ser progresista hoxe, ser moderno, é adentrarse con audácia, sen perxuícios e sen complexos, nos territórios sinalados no mapa debuxado nesta ponéncia.

Inmersos na renovación das bandas, convén saber a opinión dos músicos, incluso aquelas triviais pero que se deben recordar para non as esquencer. Unha estimación realista da uns 5.000 músicos tocando actualmente en bandas populares na nosa terra; a súa opinión é un murmurio que debe escoitarse con voz forte dende a base.

A base deste traballo é unha enquisa pasada a unha pequena mostra de músicos, as bandas de Villalba, Sober e Burela. Os datos recollidos corresponden só a 51 persoas dos tres colectivos, que abranguen un total de 120. Villalba: 20/37 · Sober: 9/38 · Burela: 22/43

Enquisa

No outono váise celebrar en Ribadeo un Congreso de Bandas. Buscando expoñer nel a opinión dos músicos, pedímosche que colabores manifestando o que pensas sobre o tema. Garántese a confidencialidade.

  1. Idade / Profesión / Sexo
  2. Instrumento / cargo na banda
  3. Anos e meses tocando nunha banda
  4. Anos e meses co instrumento antes de saír na banda
  5. Horas de ensaio en grupo á semana
  6. Horas de ensaio individual á semana
  7. Prefires as actuacións: na casa / fora / igual
  8. ¿Por qué comezaches a tocar?
  9. ¿Por qué segues na banda?
  10. Valora se paga a pena tocar nunha banda de aficionados
  11. ¿Qué aspecto da banda prefires (ensaios, tocar fora, viaxes, relación persoal, aprender música…)?
  12. ¿Qué estudios musicais tes neste momento?
  13. ¿Con qué cousas da banda estás máis en desacordo?
  14. ¿Qué cousas crees que te facilita / dificulta a banda?
  15. ¿Qué iniciativas tomarías para que mellorara a banda?
  16. ¿Sabes de que organización depende a banda?
  17. ¿Qué lle dirías sobre o director da banda a un descoñecido?

Principais achados

Aspecto preferido da banda: Aprender música (46%) · Viaxes ou tocar fora (40%) · Relacións personais (19%) · Gusto personal (6%).

36 de 51 músicos (2/3) non sabían de que organización dependía a súa banda — reflexo do mutuo descoñecemento entre músicos e asociacións.

Maiores desacordos: Falta de formalidade nos ensaios e na asistencia. Desorganización á hora de saír fora. Favoritismos dos directores. Poucas actividades no inverno.

Director (descrición): A maioría de respostas do tipo «é moi bó». Como negativos, resáltase o mal caracter/xenio/broncas, confirmando o estereotipo de mandón ó «Von Karajan».

Conclusión

Podemos destacar o aspecto formativo e de compañía que proporciona a banda, e que son valorados en primeiro lugar polos músicos. A Federación de bandas podería tratar de animar a un departamento de Socioloxía da Universidade a realizar un estudio máis rigoroso sobre o que pensan os músicos.

Este documento sintetiza, rigurosamente, as conclusións ás que de modo esencialmente unánime chegaron os participantes no Congreso de Bandas de Música Populares de Galiza celebrado en Ribadeo. Cuestións máis controvertibeis son aqui obviadas, á espera de debates sucesivos.

1

Todas as ponéncias incidiron na necesidade perentória da modernización das Bandas de Música Populares de Galiza; en todos os aspeitos: dende a uniformización indumentária até o repertório e a elegante publicitación dos concertos, pasando pola reducción paulatina das actuacións de carácter incidental (pasarrúas, procesións e verbenas) en favor dos concertos de difusión cultural. Acométese desde xa, con ilusión, o proceso modernizador, demandando unha maior consideración social e institucional.

2

As Bandas de Música Populares de Galiza saúdan globalmente o proceso de aplicación da LOXSE musical, mais demandan maior información ao respeito, a definitiva clarificación do calendário de aplicación e un maior rigor na súa execución, e critican as carencias infraestruturais e humanas no ensino da música nos centros de ensino primários.

3

As Bandas de Música Populares son elementos sociais de difusión cultural, como receitores (das ensinanzas musicais asimiladas polos músicos amateurs nas Escolas das bandas) e emisores (do material adeprendido através dos concertos).

4

A Federación Galega de Bandas de Música Populares, en virtude do número de persoas que agrupa (case tres mil músicos práticos) reivindica un apoio económico da Consellaria de Cultura conforme á súa incidéncia social.

Bolívar González Rodríguez

Cristiñade, Ponteareas, 1961

Trompeta na Banda de Guláns e, desde 1983, Director das Bandas de Xinzo de Ponteareas, Guláns, O Rosal e novamente Xinzo, donde dirixe na actualidade. Estudou nos Conservatórios de Vigo e Madrid. Fixo cursos de Dirección con Pedro Pírfano, Henry Adams e Marcel van Bree. Formou parte da primeira Xunta Directiva da Federación Galega de Bandas de Música Populares.

António Diaz Amor

Naceu en Ribadeo

Profesor de Filosofia. Na actualidade exerce no Instituto de Ensino Secundário «Carreño de Miranda» de Avilés. Colaborador actual de prensa. Dirixe a fanzine O Pipelo, pertence ao consello de redacción da revista Cadernos ribadenses e á Xunta Directiva da Agrupación Cultural «Francisco Lanza», de Ribadeo.

Luís Fernández Guitián

Sober (Lugo), 1964

Comezou os estudos de música na Escola de Sober en 1975. No Conservatório de Ourense obtivo o título de Profesor de Clarinete. Na actualidade é Profesor de Clarinete e Secretário do Conservatório de Música de Ribadávia. É Clarinetista titular das Bandas de Sober e Ourense. Correspondente de El Progreso en Sober.

Hernán Naval

Viveiro, 1962

Estudou nos Conservatórios da Coruña, Santiago e Madrid. Profesor de Trompeta e Solfexo. Na actualidade é Director da Banda Municipal de Ribadeo e da Escola Municipal de Música. Coordenador Xeral do II Congreso de Bandas de Música Populares de Galiza.

Xoan Manuel Carreira

Noia, 1954

Estudou Humanidades e Ciéncias da Saúde en Compostela, e Musicoloxía na Universidade de Valladolid. Estuda a história social da dramatúrxia musical na Península Ibérica e en América. É membro de moitas asociacións científicas internacionais e colaborador do New Grove Dictionary.

Conferencia: «A xente non ven por vostede, señor ministro, ven pola Banda.»

Antonio Gregorio Montes

Amadores da Música · Banda Municipal de Ribadeo

Membro activo da Banda Municipal de Ribadeo e da Asociación «Amadores da Música». Responsable do deseño e análise da enquisa sociológica realizada entre músicos das bandas de Villalba, Sober e Burela.

✦ ✦ ✦