Cargando eventos
Este evento pasou.

De primavera – Colaboración coa BMSC

O concerto destaca tres obras icónicas que abranguen dous séculos de música clásica. Le Sacre du Printemps de Igor Stravinskii, unha peza revolucionaria, estreada en 1913 en París, destaca polo seu impacto e provocación. A coreografía de Vaslav Nijinsky acompañou a música nun espectáculo vangardista. Prélude à l'Après-midi d'un faune de Claude Debussy, estreada en 1894, é unha expresión sensual e ensoñadora, rompendo convencións musicais coa súa atención á cor e ao timbre. Unha rapsodia galega de Sergio Rodríguez, premiada no XVII Concurso Galego de Composición, homenaxea á música tradicional galega con elementos modernos, incorporando referencias á vangardista Consagración da Primavera de Stravinskii.

Este concerto contará coa participación do ballet da Academia Lodanzas.

Dirixe: David Fiuza
Coreografías: Loli Fojón

A entrada é de balde ata completar aforo. Podes recoller a túa aquí:

Solicitude de convite

Le Sacre du printemps (A Consagración da Primavera) - Igor Stravinsky (Transcrición de Terry Vosbein)

Leonard Bernstein denominouna como «a peza musical máis importante do século XX». Esta afirmación dificilmente é controversa: hai poucas obras deste período artístico tan fértil que tiveron o impacto na música que seguiu, como tivo a Consagración da Primavera.

Como xoven compositor, Stravinsky impresionou tanto ao empresario Serge Diaghilev que este o comisionou para compor tres ballets para os Ballets Russes de Diaghilev. O primeiro foi a magnífica obra The Firebird, que estreou en 1910. O segundo foi Petrushka, en 1911, que tiña como estrela a Vaslav Nijinsky a bailar como a marioneta que dá nome á obra. Antes de componer Petrushka, Stravinsky tivo unha visión fugaz: «vin na imaxinación un ritual pagán solemne: sabios anciáns, sentados nun círculo, observaban a unha moza bailar ata a súa morte. Estaban sacrificándoa para propiciar ao deus da primavera». Usou isto como base para a súa terceira comisión: Le Sacre du Printemps.

A estrea tivo lugar o 29 de maio de 1913, no recén-inaugurado Théâtre des Champs-Élysées de París, dirixido por Pierre Monteux. A coreografía foi realizada por Vaslav Nijinsky. A reacción da audiencia converteuse en lenda, con abucheos e pelexas na sala entre tradicionalistas partidarios do ballet clásico e bohemios cansos das convencións do ballet clásico, desexando en cambio algo máis vangardista. O xornalista e fotógrafo Carl Van Vechten rexistrou que a persoa detrás del se deixou levar polo entusiasmo ata o punto de «comezar a golpear rítmicamente na parte superior da miña cabeza», aínda que Van Vechten non se decatou disto ao principio debido á súa propia emoción tan intensa.

Os musicólogos tenden a crer que foi a coreografía a causante da axitación na súa estrea. O musicólogo Richard Taruskin afirma: «non foi a música de Stravinsky o que resultou chocante. Foron os feos e pesados movementos ideados por Vaslav Nijinsky».

A obra foi popular desde a súa primeira interpretación en concerto o 18 de febreiro de 1914 en San Petersburgo, dirixido por Serge Koussevitzky. O 5 de abril dese ano, Stravinsky experimentou por si mesmo o éxito popular da súa composición como obra de concerto no Casino de París.

A composición estrutúrase en dúas partes amplas, Adoración da Terra e O Sacrificio, con episodios dentro de cada parte, sen pausas entre eles.

PARTE I: L’adoration de la Terre
1. Introduction
2. Les Augures printaniers
3. Jeu du rapt
4. Rondes printanières
5. Jeux des cités rivales
6. Cortège du sage
7. Embrasse de la Terre
8. Danse de la Terre

PARTE II: Le sacrifice
9. Introduction
10. Cercles mystérieux des adolescentes
11. Glorification de l’élue
12. Évocation des ancêtres
13. Action rituelle des ancêtres
14. Danse sacrale (L’élue)

Prélude à l'Après-midi d'un faune - Claude Debussy

Claude Debussy, influenciado polos encontros culturais en París, especialmente co poeta Stéphane Mallarmé, creou o seu Prélude à l'après-midi d'un faune, como unha reacción ás convencións musicais do século XIX. O poema de Mallarmé inspirou Debussy a enfocarse no estado de ánimo sobre a estrutura formal e a cor instrumental sobre a melodía. A estrea do Prélude en 1894 marcou un punto de inflexión na música, destacándose pola súa fluidez de forma e a súa atención á cor e ao timbre.

A peza é unha representación musical do poema de Mallarmé, capturando a súa atmosfera onírica e sensual. A música de Debussy reflicte a ambigüidade e a riqueza sensorial do texto de Mallarmé, empregando técnicas innovadoras e enfatizando a expresión emocional sobre as convencións estruturais da época. Esta obra é considerada unha revolución musical que sinalou o comezo da música moderna e influenciou xeracións de compositores posteriores.

O Prélude à l'après-midi d'un faune de Debussy é recoñecido polo seu impacto duradeiro na música, destacándose pola súa beleza etérea e a súa habilidade para evocar imaxes e sensacións poéticas a través da música. A atención meticulosa de Debussy á cor e ao timbre instrumental, así como á fluidez narrativa e atmosfera, estableceu novos estándares para a composición musical e inspirou unha nova xeración de músicos e compositores.

Unha rapsodia galega - Sergio Rodríguez

Obra premiada no XVII Concurso Galego de Composición

A idea de compoñer Unha rapsodia galega xurde case como unha necesidade de render homenaxe aos compositores e, por conseguinte, á música tradicional galega para banda de música. Nas últimas décadas do século XIX e na primeira metade do século XX, Galicia viviu unha auténtica época dourada e de expansión no que respecta ás bandas de música. Ademais, grazas ao traballo de recollida realizado por etnomusicólogos do repertorio tradicional galego —aprendido, por suposto, de «orella»— moitos compositores comezaron a incorporar estas melodías nas súas composicións, xurdindo así moitas das grandes obras do repertorio galego tanto para banda como para orquestra. Un tipo de obra moi popular nesta época foi a rapsodia, que, mediante a utilización de alboradas, alalás, xotas, foliadas ou muiñeiras enlazadas entre si, conseguían evocar as músicas tradicionais que se cantaban e tocaban en determinadas zonas da terra e crear un repertorio recoñecible e abundante para abastecer a todas as bandas que había nese momento.

Unha rapsodia galega é unha destas pezas que, aínda inspirada nas grandes rapsodias e obras de Andrés Gaos, Xoán Montes, Pascual Veiga, Gustavo Freire ou Enrique García Rey, presenta temas de creación propia, sempre intentando manter a esencia destas músicas, aínda que incluíndo elementos modernos como aspectos relacionados coa instrumentación, a orquestración e a harmonía.

Esta peza non está inspirada en Eine Alpensinfonie (Unha sinfonía alpina) de Richard Strauss. O título fai referencia a que, aínda sendo unha obra moderna, esta non deixa de ser «unha rapsodia galega», nin mellor nin peor có resto, simplemente, unha máis. Ademais, tamén é importante sinalar que esta obra contén pequenas referencias á Consagración da Primavera de Igor Stravinskii en todas as seccións agás na introdución e na terceira, polo simple feito de que é unha obras favoritas do compositor, polo que optou por incorporar esa linguaxe moderna stravinskiana á banda de música e á música tradicional galega.