A Banda de Música da Comarca de Sarria nace a finais do verán do 2023 impulsada por un grupo composto por nove persoas fundadoras. Decidimos unir forzas neste ilusionante proxecto destinado a enriquecer a vida cultural da zona, nomeadamente a cultura das bandas de música, coa idea de que a agrupación se convirta nun faro cultural e contribúa significativamente á riqueza cultural e musical dos sete concellos: O Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Samos, Sarria e Triacastela.
A asociación sen ánimo de lucro que da soporte á banda, ten un compromiso sólido e profundo cara a dinamización cultural local, cun enfoque especial nas zonas rurais. O noso obxectivo primordial é contribuír ao enriquecemento cultural e ao acceso á practica músical de toda a veciñanza, especialmente para as xeracións máis novas.
A Banda de Música da Comarca de Sarria nace co humilde á vez que ambicioso propósito de ser unha banda auténticamente popular: unha banda tanto para músicos afeccionados como para profesionais, e tanto para crianzas como para maiores. É dicir, unha banda interxeracional aberta a todas as persoas con ganas de facer música.
Para capitanear musicalmente esta banda temos a inmensa fortuna de contar coa persoa ideal para o posto de director titular: Jesús López Prado, músico natural de Sarria. No ámbito concreto da dirección de banda é unha persoa de sobrada preparación e traxectoria profesional. Ademais é unha persoa que está ilusionada e comprometida ó cen por cen con este proxecto.
O concerto de presentación fíxose cadrar coa data máis especial para todo músico, o concerto de Santa Icía, que tivo lugar o 18 de novembro do 2023, e dende aquela, froito da ilusión e o do traballo nos ensaios, acumulamos varios concertos máis e un obradoiro para os clarinetes e saxofóns. Este ano 2024 ven cargado de proxectos ilusionantes, pero hai un que consideramos fundamental e no que puxemos todas as nosas enerxías e ilusións: a creación do Festival de Bandas da Comarca de Sarria, que tivo lugar o 27 de xullo e no que actuamos xunto coa Banda de música O Landro de Viveiro.
Currículum do Director
Jesús López Prado
FORMACIÓN ACADÉMICA
• Iniciou os estudios na Escola de Música de Sarria co Mestre Francisco Méndez Rodríguez (director da Banda Municipal de Lugo).
• Titulo de Profesor de clarinete no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, cos profesores D. Máximo Muñoz (clarinetista solista da Orquestra Sinfónica da R.T.V.E.), D. Vicente Peñarrocha (clarinetista solista da Orquestra Sinfónica Nacional de España) e D. Justo Sanz (Catedrático de clarinete).
• Titulo de Grao Superior no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, co profesor D. Vicente Pérez Planells.
FORMACIÓN COMPLEMENTARIA
• Cursos de perfeccionamento do clarinete con prestixiosos clarinetistas como Marriner, Miguel Espejo, Enrique Pérez, Walter Boeykens, Enric Lluna e José L. Estelles.
• Cursos de dirección de bandas organizados polo Conservatorio Superior de Música de A Coruña, impartidos polos mestres Pascual Villaplana e Jan Cober.
• Cursos de reparación de instrumentos de vento madeira.
• Cursos de informática musical.
• Iniciación e perfeccionamento da Lingua Galega.
• Curso de formación Logse.
• Curso de audición e análise musical.
• Curso de elaboración dó proxecto Educativo de centros.
• Curso de revisión do proxecto Curricular de Centros.
• Cursos de formación para o desempeño dá función directiva.
• Curso de Psicoloxía para o profesorado de música.
• Mostra de ensinanzas artísticas e de idiomas “ EDUCARTE 05”.
• Achegamento a musicoterapia.
EXPERIENCIA PROFESIONAL
• Aproba no ano 1982 as oposicións para ingresar no Corpo de Músicas Militares, sendo destinado á Banda de Música Militar do Cuartel Xeral do Exercito de Terra (Madrid).
• Aproba as oposicións para profesor de clarinete no Corpo de profesores de Música e Artes escénicas (1998).
• Profesor de clarinete na Escola de Música Cervantes en Alcalá de Henares (1990-1991).
• Director da Escola e da Banda de Música de Sober (1992-1997).
• Profesor de clarinete no Conservatorio de Música de Ourense (1992-1994).
• Profesor de clarinete no Conservatorio de Música de Lugo (1995-1999).
• Xefe de Estudios no Conservatorio de Música de Lugo (1995-1996).
• Director da Banda de Música Municipal de Melide (1997-2006)
• Profesor de clarinete no Conservatorio Municipal de Melide (1997-2006).
• Secretario no Conservatorio Profesional de A Coruña (2003-2004).
• Director da Banda de Música de As Pontes (2009-2010).
• Profesor de clarinete no Conservatorio Profesional de Música de A Coruña (1998 - actualidade).
• Director do Conservatorio Profesional de música de A Coruña (2004 - actualidade).