Banda municipal de música de Ribadeo

Banda municipal de música de Ribadeo

A sociedade de Amadores da Música asínalle a Hernán Naval o proxecto de crear unha banda de música. Era o ano 1989. 

Tres anos foi a cifra básica marcada nun primeiro momento para formar a agrupación e comezar as actuacións. E, co comezo do curso académico 1989-90, deu comezo a formación musical. O pequeno grupo de xente que se apuntou á academia de música destacaba por ilusión, por ganas, por traballo, pero sobre todo polo ambiente que se formou.

O 9 de xullo de 1991, Amadores , en asemblea, puxo data para o nacemento da banda, programando con tempo, de xeito natural. Así, o 25 de xaneiro de 1992, con antelación ó previsto, a banda tivo o seu concerto inaugural abríndose ó mundo cos compases da Marcha Militar nº 1, op. 51 de F. Schubert. A segunda obra, Airiños, aires!, foi xa unha alegoría para os músicos, que despois do Coro de peregrinos do Tannhäuser encamiñaron o fin do concerto sentíndose participantes da historia musical de Ribadeo.

Dende aquela, as diversas actuacións (xa 100 en Melide o 19 de agosto do 1995) foron deixando o seu aporte na historia da agrupación, das persoas que a teñen integrado, da sociedade que a apoia e do público que as goza.

A día de hoxe, a banda xa hai longo tempo que cumpriu a súa maioría de idade… e segue a facer historia.