Banda de música municipal de Outes

Banda de música municipal de Outes

Corría o ano 1983 cando o solfexo facía a súa aparición polos colexios da Serra e o Cruceiro, da man de D. Prudencio Romo. Era o xermolo da Banda de Música Municipal de Outes.

En Outes xa antes existiran outras dúas: A banda de Salvador,coa súa orixe en S. Ourente, e A banda da Barreira; unha con 30 músicos e a outra con 20 aproximadamente. Máis tarde, cando ade Salvador se desfixo, derivou nunha agrupación máis pequena: Os Airiños de S. Campio.

En setembro de 1985 a festa de Entíns tivo a honra de ser a escollida para a primeira actuación da banda municipal.

Hoxe en día, a banda leva actuado por toda a xeografía galega, en Portugal, así como en distintas aparicións en varios programas da TVG e da Radio Galega.

En todos estos anos de existencia, estivo dirixida por: D.Prudencio Romo, D. Rafael, D. Manuel Abelleira, D. Alfonso Salvatierra e D. Manuel Blanco Dosil.

A Banda de Outes participou no Proxecto Musical Brilou, xunto coa banda de Lousame e a Banda de Brión, conformando as tres unha única agrupación de forma ocasional para dar concertos: no Auditorio de Galicia, especial da TVG en recordo de Prudencio Romo, certames de bandas de Outes, Lousame e Brión, Certame de Bandas de Ogijares (Granada) e no I Encontro Internacional de filarmónicas de Figueira da Foz (Portugal).

A Banda Municipal de Outes conta con 34 compoñentes de distintas idades, na súa maioría entre os 12 e os 30 anos, mantendo unha constante como é a xuventude que dende o seu principio a caracterizou, sendo unha minoría os maiores de 30.

Realizou inciativas como a Festa da Vitalla, xunto cos cursos de Música en Primavera, o Certame de Bandas de Música, O Proxecto Musical Brilou, os concertos didácticos… e conta coa Escola Municipal de Música.