Banda de música Nova Lira de Moraña

Banda de música Nova Lira de Moraña

A Banda de Música Nova Lira de Moraña arrancou no ano 1985 baixo a batuta de Serafín Novás Barros, antigo clarinete da vella Banda “Lira de Moraña” a cal estivo activa dende 1945 ate 1956, e da cal saíron músicos que triunfaron alí por onde pasaron.

A primeira actuación en público foi o 5 de xaneiro de 1986 na cabalgata de Reis de Moraña, na que participaron 39 rapaces, moitos dos que a día de hoxe  seguen a ser o corazón da Nova Lira de Moraña. Cada ano a Nova Lira continúa a participar e actuar en moitos eventos e festas populares.

Dende o ano 2.004, un músico da Escola Naval de Marín que comezou a súa formación na Nova Lira, Manuel Montáns Fariña, faise cargo da batuta da Nova Lira.

A Asociación Cultural Banda de Música Nova Lira de Moraña organiza ó longo do ano diversas actividades como o Concerto das Letras Galegas, o concerto de Santa Cecilia e o do Nadal, nos que amosa fundamen-talmente os Compositores Galegos e as súas obras. Dende o ano 2007 colabora activamente coa Escola de Música Municipal de Moraña.

Dende o ano 2005 participa en certames e intercambios culturais. Nese ano participa no Certame de Bandas de Música de Campo Lameiro e no 2006 no de Caldas de Reis, no 2007 no Festival de Bandas de Marín organizado polo Ateneo Santa Cecilia, e no 2008 nos Festivais de Bandas de Pontevedra e Cangas, en 2009 Pontevedra, 2010 Ribadumia, 2011 Caldas de Reis, 2012 no Festival de bandas de Barro e en 2013 no Festival de Bandas de Moaña.

Dende setembro do 2005 a Nova Lira de Moraña en colaboración co Concello de Moraña, a Deputación de Pontevedra e a Federación de Bandas, organiza o Certame de Bandas de Música de Moraña, que en setembro do 2014 celebrou a  súa Decima Edición.

Nos anos 2009 e 2014 participa no Certame Provincial de Bandas organizado pola Deputación de Pontevedra, na sección terceira.

No 2011 a Banda de Música Nova Lira de Moraña celebrou o seu 25 aniversario editando un Libro Cd conmemorativo do evento, no que se recolle unha colección das obras máis significativas que a Banda interpretou  dende a súa creación. 

Nos anos 2009, 2011, 2012, 2013 e 2015 participa nos Certames Zonais de Bandas organizados pola Deputación de Pontevedra. 

En 2017 o 14 de abril participa no 25 aniversario de DisneyLand París, abrindo o desfile de carrozas, contribuíndo a espallar a música galega.