Banda de música da S.R. San Xoán de Calo
Rebordelo s/n - Calo
cultura@srcalo.com
981548558
A Banda de Música da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo, nace dentro do que é a Sociedade Recreativa creada en Calo no ano 1961.
As primeiras clases de solfexo comezounas a impartir o profesor Gervasio Salteiro nos primeiros anos da década dos oitenta. Baixo a súa dirección, a Banda de música da Sociedade Recreativa fixo a súa primeira actuación en público no ano 1985 contando con 25 músicos.
Tras a marcha de Gervasio Salteiro colleu a dirección da banda Fernando Lantaño no ano 1989. Tres anos máis tarde fíxose cargo da dirección Moncho López Couso, o actual director.
No 1993 a banda fai a súa primeira gravación baixo o título Primeiros pasos.
En 1997 crease a escola oficial de música rexistrada na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, con Ramón López Couso como director e contando con oito profesores no seu claustro. No seu primeiro ano comezaron 30 alumnos para formarse como profesionais e participar posteriormente na agrupación.
En xullo de 2002 foi convidada a inaugurar, xunto con outras agrupacións, o Centro Galego de “O Médano” en Tenerife.
No ano 2006, debido á gran cantidade de alumnos cos que conta a escola de música, créase a Banda Xuvenil co fin de que os máis novos se formasen para posteriormente pasar a formar parte da Banda de Música.
En varias ocasións actuou no pais veciño Portugal. Entre elas destaca a participación no VII Festival Internacional de Bandas Filarmónicas de Cascais no ano 2005.
Cabe destacar dentro das actuacións que tivo esta agrupación: varias intervencións en programas da TVG e TVE, participacións en Encontros de Bandas en Santiago de Compostela e festivais de bandas por toda a xeografía galega.
No 2011 grava un novo CD, coincidindo co cincuentenario da Sociedade Recreativa San Xoán de Calo. Nela participan todas as agrupacións musicais da Sociedade Recreativa actuando tanto en conxunto como individualmente.
En agosto de 2011 converteuse na primeira banda de música de Galicia en participar no festival folk celta máis importante do mundo, o Festival Interceltique de Lorient en Francia.