Banda de música de Arzúa

Banda de música de Arzúa

Nace a mediados do século XIX cando varias agrupacións musicais se unen baixo a coordinación do gaiteiro de Visantoña Carreiriña. Estaba constituída por uns 20 músicos e caracterizábase por incorporar gaitas xunto a instrumentación habitual. Logo foi dirixida por Pedro Pampín e despois por seu irmán Jesús Pampín.  

No 1945 disolveuse debido á precaria situación económica dos anos da posguerra pero a finais da década volveu reorganizarse baixo a batuta do mestre Arturo Redondo ata 1954. A banda reaparece no ano 1958 con só 10 músicos.

No 1980 o Concello de Arzúa acorda reorganizar a banda, mércalle instrumentos e traxes e facilitálles un local de ensaio. O director era José Ces Lorenzo Che. Con 21 músicos a banda estréase o 2 de marzo de 1980 na Festa do Queixo. No 1996 o concello crea a Escola de Música Municipal. No 1997 colle a batuta Javier Ces Calvo. No 1999 constitúese a Asociación Escola e Banda de Música de Arzúa e gravan un disco.

O concello crea o Conservatorio Profesional de Música de Arzúa en 2000, que supón un gran pulo para a banda. O director de escola e conservatorio, Jesús Alberto García Medraño, faise cargo da batuta de 2001 a 2006. Logo a dirección pasa a José Luis Asorey Fernández e a banda participa no Festival Internacional de Bandas de Cascais.

No 2012 volve á batuta a Jesús Alberto García Medraño e incorpora a gran cantidade de nenos e nenas do conservatorio, o que permite crear unha banda infantil, que funciona dende 2014. 

En 2016 a asociación adopta o nome de Banda de música de Arzúa, hai cambio no vestiario, logotipo e imaxe exterior. A banda supera os 50 compoñentes federados por primeira vez na súa historia. Recupérase o Festival de Bandas de Música Vila de Arzúa, estrea o pasodobre Ángel Curtis composto por Paco Casal e participa no programa Luar da TVG.  

O programa de tributos xurde no 2017 para rendir homenaxe a figuras do pop e do rock mediante a interpretación de medleys dos seus temas máis coñecidos. Permite introducir instrumentos propios do xénero pop xunto coa plantilla habitual da banda. Tivo unha gran acollida por parte do público versionando artistas como ABBA, Alaska, Deep Purple, Michael Jackson, Santana, The Blues Brothers, John Miles, Bon Jovi, Supertramp, Mecano, Queen ou Europe. Supón un sopro de aire fresco no mundo das bandas ao achegar aos mozos e mozas e non conformarse co público tradicional que adoitaban ter estas agrupacións.