Banda de música de Sober

Banda de música de Sober

A Banda de banda de música de Sober, con 130 anos, é das máis antigas de Galicia. No ano 1869, ó regresar da banda militar de Pamplona Casimiro Pérez López,"O Chá", xuntou varios músicos e empezou a ensinar solfexo. Formouse musicalmente no exército e cando regresou a Canabal xuntou a tódolos músicos e lles ensinou o que aprendera. Nace a primeira banda de música de Sober.

Desa formación destacan músicos como Camilo Pérez e Andrés Rodríguez, que chegou a director da Banda Municipal da Habana e ao seu regreso forma a banda de nenos coñecida como "Música Nova" ou "A Banda de Andrés". Uns anos antes "O Chá" fora substituído por Camilo Pérez, "O Matela", a banda antiga continuaba existindo co nome da "Música Vella" ou a "Banda de Matela". Nesa época en Santa Cruz de Brosmos nace "A Banda do Pomares". Esta banda incorpora a Andrés Rodríguez como profesor de música, sendo substituído polo seu irmán Amancio Rodríguez, e logo seu fillo Amancio. A Amancio fillo sucedeulle Sergio Rodríguez. Durante máis de tres décadas funcionaron tres bandas de música en Sober.

Antes da guerra civil as dúas bandas de Sober únense. Cara o 1960 a banda de Sober desfaise por falta de elementos e pola formación de orquestras de baile, quedando só a banda de Santa Cruz de Brosmos.

No 1975 José Ramón López, "O Cuñas" e Tadeo Guitián organizaron unha escola de música que hoxe continúa viva. Tadeo e José Ramón foron directores da Banda de Sober de mozos, de maduros e de vellos. Nese ano a banda de Santa Cruz pasa a denominarse Banda de Música de Sober. Na actualidade a escola conta con sete profesores e máis dun cento de alumnos.

Outros directores que pasaron polas bandas foron Antonio Pérez Rey, Pedro Garcés, Antonio Taibo, Bernardo Cortés, Pedro Rubio, Salvador Sánchez ou Antonio Rodríguez Guitián.

No 1985 fíxose cargo da banda Alfonso González Fernández, "O Casete". Con Alfonso González a Banda de Sober actuou no programa "Gente Joven" de TVE, en Valladolid, Cornellá ou Madrid. Os seguintes directores foron Julio Dopacio, Nicanor Domínguez Cid, Alfonso Campos Pérez, Jesús López Prado, Luis Fernández Guitián, Carlos Dieguez Beltran, Miguel Rodriguez Barrio e actualmente Miguel Franqueiro Becerra.

Obtivo o 1º premio das festas de San Froilán do 1919 en Lugo; o 2º das festas do Hábeas de Ourense non 1933; actuou en Barcelona, Valladolid, Madrid, Oviedo, Zamora, a práctica totalidade dos concellos de Galicia e moitos de Asturias e Castela-León e recibiu o premio Lucense do Ano.