Banda de música de Ortigueira

Banda de música de Ortigueira

A historia da Banda de Música de Ortigueira remóntase ao século XIX, cando en 1860 por iniciativa de Florentino Castiñeiras, organista da Igrexa de Santa Marta, decídese crear unha banda de música no concello de Ortigueira. A chegada da Guerra Civil no 1936 dá lugar á desaparición da banda ata 1942 cando volve a retomar a súa actividade baixo a dirección de Manuel Rebollar. A partir de 1950 toma a batuta Alfonso Marino e no ano 1960 tras unha nova crise a banda de música desaparece.

No 1992 refúndese a banda baixo a dirección de Francisco Aliaga. No 1994 prodúcese unha escisión, os membros máis novos que fundan a Banda Escola dirixida polo mestre Aliaga e a Banda de Ortigueira volve a ser dirixida polo mestre Marino. Tralo paso de varios directores (Herminio Prieto, José Gabía, Francisco Prieto, Jesús Nogueira...) no 2005 lévase a cabo a reunificación das dúas bandas baixo a dirección de Vicente Mendoza . En 2007 a dirección pasa a mans de Carlos Diéguez e dende setembro de 2018 o novo director é Enrique Lagares.

Temos que destacar tamén os directores convidados como Richard Miles (EEUU), Gustavo Fontana (Arxentina), Daniel Leskovic (Eslovenia), Norman Milanés (Cuba), Sara Maganzini (Italia), Andrea Gasperín (Italia), José Rafael Pascual- Vilaplana (Valencia) e David Llano (Galicia) que aportaron moito á mellora humana e musical da banda.

Outro aspecto a recordar é a participación en xiras nacionais (Murcia 1998, Mallorca 1999, Torremolinos 2001, Valencia 2005, Cantabria 2006 e Sevilla 2011) e internacionais (París 1998, Portugal 2008 e Italia 2014).

No 2005 a banda gravou o CD “El Camino de la Cultura”, no 2007 o CD/DVD no Certame Galego de Bandas e no 2014 o CD “Concierto Europeo”.

Actualmente, a Banda de Música de Ortigueira conta con 45 compoñentes, algúns dos cales están cursando estudos en conservatorios profesionais e superiores, o que permite que o nivel da banda vaia en aumento, sen esquecer ás novas xeracións que estudan na escola municipal de música e que son o futuro e a garantía para poder seguir soando.

A día de hoxe podemos presumir que máis de 300 músicos se formaron na BMO dende os seus inicios no ano 1992, e en torno a unha vintena son profesionais da música na actualidade, a Banda de Música de Ortigueira foi, segue e seguirá sendo un lugar de encontro para todos os amantes da música.