Agrupación musical de A Guarda
- Rúa Vigo s/n
- agrupacionmusicaldaguarda@hotmail.com
- 625387959
Por iniciativa de pais e profesores do Conservatorio de Música e do Concello de A Guarda, nace en novembro de 2001 o proxecto de creación dunha Banda Xuvenil de Música formada por alumnos do Conservatorio.
Despois de dous anos de formación, a nova agrupación musical actúa por primeira vez en público no Festival fin de Curso 2002-03. Pero é o 25 de xuño de 2005 cando a Agrupación Musical de A Guarda fai a súa presentación oficial apadriñada pola Agrupación Musical do Rosal, na Praza do Reló de A Guarda, con 44 compoñentes.
Dende a súa creación a banda da Agrupación Musical de A Guarda actuou en diferentes eventos culturais celebrados tanto na Guarda, como na Comarca do Baixo Miño, así como en varios festivais fóra da nosa provincia: I Festival Nacional de Bandas de Música en Pola de Laviana (Asturias), I Encuentro Nacional de Bandas en Arroyo de la Encomienda (Valladolid), Lanhelas (Portugal), así como en multitude de Festivais de bandas: Vincios, Meis, Barbadás, Mos, Ortigueira, Marín, Lousame, Coruxo, Chapela, Cabral, Ribadeo, Chantada, Rianxo, etc.
No ano 2009 participa no Certame Provincial de Bandas, acadando o 2º premio na 3º categoría. No 2010 participa no X Certame Provincial de Bandas conseguindo o 3º premio e no IV Certame Galego de Bandas en Santiago acadando a 4ª posición.
En agosto do 2011 grava o seu primeiro CD no Auditorio Municipal de Goián. En 2015 participa no III Festival Zonal de Bandas da Deputación de Pontevedra.
En 2016, créase un grupo de iniciación no que poden entrar músicos principiantes de calquera idade, co fin de formar canteira para a banda. Este grupo está formado por 32 músicos e dirixido por José Antonio Soutelo.
A Agrupación organiza anualmente o Festival de Bandas “Vila da Guarda”, e ofrece concertos monográficos durante o verán, como o “Concerto pop & rock” ou o de bandas sonoras “Un concerto de película” do que se fixeron dúas edicións.
Actualmente, a Agrupación Musical de A Guarda está formada por 62 músicos e dirixida dende os seus inicios por Víctor Luís Alonso Treinta.