Banda de música Artística de Bueu
- Valado s/n
- bdembueu@gmail.com
- 635937959
Inicia a súa andaina no ano 1989, cando un grupo con Marino Gómez Martínez á cabeza, contacta con D. Ricardo Trinidad Ramón, profesor de Música da Escola Naval Militar de Marín co obxecto de formar en Bueu unha Banda de Música. A primeira actuación levouse a cabo no ano 1993. Contaba con quince compoñentes. Co tempo incorporou novos compoñentes formados na propia Escola creada ó efecto, amplíase o repertorio e comézase a crear un fondo de instrumentos.
Con posterioridade creouse a Asociación Cultural da B. de M. Artística de Bueu” en 1997.
No 2005 reanúdase a actividade da Academia de música creada por Don Ricardo Trinidad, como Escola de Música de Bueu, baixo a dirección do director da banda Víctor Manuel López Pazos.
Dende a súa creación a Banda actuou en numerosos lugares: Bueu, Cela, Marín, Ardán, Arcade, Vilaboa, Cangas, Ribadumia, Cambados Carril, Pontecaldelas,...e realiza intercambios con Bandas de Madrid e Granada.
Participou en numerosos Certames e Concursos, como nos Zonais de Bandas de Música da Deputación de Pontevedra (3º premio na Segunda Sección) en 2009 e Zonal de 2010. Participa anualmente no Certame de Bandas de Música do Morrazo organizado cada ano por unha das Bandas de cada vila participante.
O centro de ensaios e Escola de Música atópase na Casa da Música Manuel Omil.
Dende o 2006 está inscrita na Federación Galega de Bandas de Música Populares.
Imparte clases de música e movemento, coral, e instrumentos de banda: óboe, frauta, clarinete, saxo, trompeta, bombardino, tuba, trompa, trombón, percusión, e outros como guitarra, violoncello, e piano.
Na actualidade os nenos e nenas da escola superan o número de cen que de luns a sábado fan da Casa da Música Manuel Omil, no Valado, Bueu, o centro cultural con máis actividade do Concello.
Esta labor dou os primeiros froitos no concerto de Nadal de 2010 presentándose a Banda Xuvenil de Bueu e un grupo de novos guitarristas.
O director da Banda Artística e da Banda Xuvenil e coordinador da Escola de Música é D. Víctor Manuel López Pazos, recoñecido músico no mundo bandístico, profesor doutras institucións musicais e bombardino solista da Banda de Música de Pontevedra.