Banda de música de Cee
- Praza da Constitución nº 1
- bandadecee@yahoo.es
- 609831651
Foi no ano 1999 cando se inaugurou en Cee a Escola municipal de música e xunto con ela a banda de música, integrada por alumnos e alumnas da escola.
É ben coñecido polo pobo de Cee que en case medio século (1950-1999) non houbo banda de música propia. A pesares do interese mostrado por moitas persoas na creación dunha banda na primeira metade do século XX, e que se concretou nos anos 30 ca banda de música dirixida por D. Manuel Rebollar; nos anos 40 ca banda dirixida por D. Francisco Rey; as penurias económicas da postguerra levaron a súa desaparición no ano 50.
Actualmente Cee dispón dunha escola de música que conta con uns 160 alumnos dende os 5 anos e na que se imparten cáseque tódalas disciplinas teóricas e instrumentais: acordeón, frauta, gaita, guitarra, música activa, percusión, piano, vento-madeira, ventometal e violín; con un grupo de música folk; un grupo pop; unha banda de gaitas; un grupo de vento-metal e unha banda de música.
A banda de música está formada por case 40 músicos, todos eles alumnos e alumnas da escola e a pesares da súa recente creación, desde o seu primeiro concerto nas festas da Xunqueira do ano 2000 en Cee, ten ofrecidos concertos en toda a zona da costa da morte, así como participacións nos festivais de bandas en Santiago, Arteixo e Ortigueira. Concertos en Vilalba, Ordes e en Monterroso (Lugo), con motivo do programa “Concertos no camiño de Santiago”. Actuou en varias ocasións no programa da TVG “Luar”. En Xuño do presente ano, ofreceu un concerto na Praza de Praterías, en Santiago, con motivo do programa “Música no Camiño”.
En maio do ano 2005 edita o seu primeiro disco.
Currículum do Director
Fernando Fraga Traba
Nace en Lires, Cee (A Coruña), onde inicia os seus estudios musicais aos 11 anos. No ano 1987 trasládase a Madrid e realiza estudios de Acordeón, Piano e Composición no Real Conservatorio de Música desta cidade. No ano 1990 obtén, por oposición, a praza de profesor de Acordeón, exercendo 4 anos en distintos conservatorios de Madrid, trasládase ao Conservatorio de Ourense en 1994, ao ano seguinte no Conservatorio de Pontevedra e dende 2005 imparte clases de acordeón no Conservatorio de Música de A Coruña.
Como intérprete realizou concertos coa orquestra sinfónica de Madrid nas óperas “Fedora” e “Wozzeck”, e en homenaxes aos compositores G. Deleure e Maurice Jarre, así como unha colaboración coa orquestra sinfónica de Galicia na obra “Tangos”. Durante 5 anos formou parte do grupo de música folk de Carlos Núñez.
Ten colaborado co Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) nas obras “Vexations” de E. Satie, 18 h. de música ininterrumpida dende o Faro de Fisterra, e con “Lieder Eines Fahrenden Gesellen” de G. Mahler, na Cidade da Cultura en Santiago.
Tamén colaborou con grupos como Faltriqueira, Marful, Xabier Díaz e formou parte dos grupos folk de Carlos Núñez e Oscar Ibañez . Ten feito gravacións para discos de Carlos Núñez, Pancho Alvarez e Oscar Ibañez.
No 2008, edita o libro-disco “A man lixeira... pezas para acordeón”, adaptando melodías tradicionais galegas para acordeón e acompañando o libro con un disco gravado polo autor.
Como compositor ten feita a música para obras de teatro da compañía “Talía Teatro” e sintonías para a emisora “Radio Nordés” da cadea Ser. A composición máis recente é unha melodía dedicada ao músico Vasco Kepa Junquera, da que se fixo tamén un video clip.
No 2014 publica o disco de Acordeón “Folcromías” que inclúe un repertorio variado, desde a música barroca ata a música tradicional Galega, pasando por tangos de A. Piazzolla e música orixinal escrita para bandoneón.
Desde o ano 2000 dirixe a Banda de música da Escola de Cee.