Banda de música de Vilalba

Banda de música de Vilalba

Despois da desaparición das últimas bandas existentes en Vilalba aló polos anos da Guerra Civil, pasouse nesta vila de grande tradición musical por unha época de seca que durou até finais dos anos 80 do pasado século. Concretamente no ano 1987, o Concello, encabezado polo daquela alcalde Don Xosé María García Leira, decidiu atender ás peticións da sociedade vilalbesa para avanzar na creación dunha escola de música. Este sería, precisamente, o xerme do que xurdiría a futura Banda de Música de Vilalba.

Tras varios anos de clases de linguaxe musical e despois de que o Concello mercase os instrumentos, tivo lugar na Semana Santa de 1990 a primeira actuación desta nova banda. Un ano máis tarde, en concreto o 14 de abril de 1991, celebrouse a presentación oficial da agrupación, constituíndose xa como asociación cultural.

Durante os seus anos de existencia xa son catro os directores que estiveron a cargo da Banda de Música de Vilalba. O primeiro deles foi Don Xosé Guntín Currás, unha persoa moi vinculada ás actividades musicais da Terra Chá. Dous anos máis tarde, en 1993, colleu a batuta Don Xosé Rodríguez Ramos, que era daquela trompetista na Banda Municipal de A Coruña e mestre no Conservatorio de Música de Vilalba. Desde o ano 1995 e ata o ano 2021 dirixe a banda Don César Concheiro Guerrico, profesor de frauta no Conservatorio Superior de Música da Coruña. Dende Outubro de 2021 toma o relevo musical Dani Veiga, clarinetista vilalbés vencellado á propia banda dende os seus primeiros pasos no mundo da música, e parente cercano do fundador Pepe Guntín.

No tocante á súa laboura musical, a andaina desta asociación comprende actuacións ao longo de toda a xeografía galega e tamén en diferentes localidades de Asturias, Castela e León, Aragón e Portugal, ben fose mediante intercambios con outras bandas ou a través de contratacións efectuadas por concellos e outras institucións. Asemade, a Banda de Vilalba participa asiduamente en circuitos culturais patrocinados e promovidos pola Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e a Federación Galega de Bandas de Música Populares. Tamén, como non podía ser doutro xeito, colabora prestando apoio musical en numerosas actividades fixas e puntuais organizadas polo Concello de Vilalba.

Cómpre, así mesmo, subliñar diversas actuacións feitas para programas da Televisión de Galicia (“Luar”, “A Solaina”, “Aquí Galicia”, etc), da Radio Galega e da Televisión Española en Galicia, así como dúas gravacións editadas en formato físico: a primeira en 1995 e a segunda no 2000, co gallo do décimo aniversario da asociación.

Tres lustros despois desta efeméride chegou outra se cadra máis especial: as “vodas de prata” da Banda de Música de Vilalba. Para conmemorar esta data sinalada, o 19 de novembro de 2016 tivo lugar no Auditorio Municipal Carmen Estévez de Vilalba unha actuación conxunta co coro histórico Cántigas da Terra (A Coruña), que ese ano tamén celebraba o seu centenario.

A través da participación en eventos coma este, é fácil adiviñar a finalidade principal desta agrupación: a difusión, divulgación e promoción da chamada “música de bandas”, un dos elementos máis tradicionais do noso país e dos que máis nos identifican como pobo. Esta importante tarefa histórico-cultural refórzase cunha importante labor didáctica, xa que moitos membros da banda son alumnos do Conservatorio de Música de Vilalba, da Escola de Música de Vilalba e doutros centros da zona, destacando tamén a participación activa de moitos membros con estudos superiores e que se dedican exclusivamente á música tanto no ámbito docente coma no interpretativo.

Currículum do Director

Daniel Veiga Roca

Dani Veiga terminou os seus estudos de clarinete no Conservatorio Superior de Música de Aragón (CSMA) con Matrícula de Honra no instrumento principal. Cursou un Máster en Interpretación na ESART Castelo Branco (Portugal) e un Máster en Interpretación Orquestral na UNIA e a Fundación Barenboim-Said.

Como clarinetista, foi alumno da Escola de Altos Estudos Musicais, becado polo Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais, e recibiu diferentes premios: a Beca Ibercaja de Continuación de Estudios, o Premio de Mérito Escolar do Instituto Politécnico de Castelo Branco, o 1º Premio no Concurso de Solistas de la JOIC e o 3º Premio no Concurso Backun Villa de Canena.

Foi membro da Bolsa de Instrumentistas da Joven Orquesta Nacional de España e da Gustav Mahler Jugendorchester, membro da Banda de Música Ciudad de Oviedo e colaborou coa Real Filharmonía de Galicia, a Nordiska Kammaroskerten (Suecia), a Orquesta de Cadaqués, a Orquesta Filarmónica de España, a Royal Film Concert Orchestra, a Orquestra Reino de Aragón, o Ensemble Bayona e o Vertixe Sonora Ensemble. 

No ámbito docente foi profesor, entre outros, no Centro Autorizado Bravo! Espacio Música de Huesca, no Conservatorio Profesional de Música “Xan Viaño”

de Ferrol e no Conservatorio Profesional de Música “Xoán Montes” de Lugo. Actualmente é profesor na Escola de Música e o Conservatorio Profesional de Música de Vilalba e clarinete solista da Orquesta Sinfónica Ciudad de Zaragoza.

No ámbito da dirección, cursou materias relacionadas coa dirección orquestral con Juan Luis Martínez (CSMA) e Juan Luiz Pérez (Fund. Barenboim); e o curso “Perspectiva Holística da Dirección” co mestre David Fiuza no Conservatorio Profesional de Música “Xoán Montes” de Lugo. 

Comeza a súa traxectoria profesional como director de banda coa Banda de Música Vila de Cedeira en febreiro de 2021 e, dende outubro de 2021 é director da Banda de Música de Vilalba.