Escola Banda de música de Antas de Ulla

Escola Banda de música de Antas de Ulla

A Banda de Música de Antas de Ulla fúndase no ano 1896 tendo como primeiro director a D.  Emilio de Cutián. Durante máis de medio século mantén a súa actividade de forma ininterrompida  chegando a estar entre as mellores de Galiza. No ano 1931 gaña o Primeiro Premio de Bandas  Populares en Lugo, durante as festas do San Froilán. 

Nos anos 60 disólvese, pero a tradición musical do pobo fai que no ano 1985 constitúa un  padroado para refundala, dando o seu primeiro concerto no ano 1987. No 2004 constitúese como  asociación sen ánimo de lucro baixo o nome de Escola – Banda de Música de Antas de Ulla, tendo  como fin principal fomentar a divulgación, o coñecemento e a práctica musical, así como procurar  o mantemento e o desenvolvemento da Banda de Música de Antas de Ulla. Hoxe en día conta con  máis de 100 socios que son un apoio fundamental para que se organicen anualmente distintos  eventos musicais (festival das Letras Galegas, festival de bandas, Santa Icía, a gala de Nadal,  campamento musical, etc.). 

No ano 2012 incorpórase como Director D. Javier González Borrajo, co cal se pon en  funcionamento a escola de música (contando con arredor de 60 alumnos, impartíndose clases de  linguaxe musical e diversas especialidades instrumentais de vento madeira, metal e percusión) e  unha banda xuvenil co obxectivo de formar novos músicos e garantir o futuro da banda.  

Na actualidade, a Banda de Música de Antas de Ulla está composta por arredor de 45 músicos e  conta cun amplo e variado repertorio musical.

No ano 2016 preséntase por primeira vez ó  Certame Galego de Bandas de Música, no que acada o premio á Mellor Interpretación dunha Obra  de Temática Galega. Outro evento a destacar é a gravación no ano 2017 dun CD que leva por  nome “Rock Festival”, que recolle adaptacións para banda de grandes obras da música Rock. Ó  longo do 2018 a Banda realiza diversos concertos innovadores entre os que se atopan “Orquestra  de Malabares” ou “A Gata con Zocos”. A Banda de Música de Antas de Ulla inicia o 2019 cun  proxecto deseñado para banda e “Pito Pastoril”, que se materializa coa realización de dous  concertos e gravación dun CD, outro alicente máis para seguir loitando por facer que a música non  pare, o seu lema.