Banda de música Popular de Rubiós

Banda de música Popular de Rubiós

Os comezos da Banda de Música Popular de Rubiós datan do ano 1892. Existía un pequeno coro na parroquia e o párroco D. Evaristo Senra esforzouse por conseguir o unha Banda de Música. O primeiro mestre foi Manuel de Tomás, ao que sucede na dirección D. Manuel Novoa, veciño de Rubiós e compositor da muiñeira “Mozos do Penedo”. Coa guerra civil a banda quedou sen a maior parte dos seus compoñentes e a emigración contribuíu a que durante varios anos a banda deixara de existir.

A partires dos anos 50 leváronse a cabo distintos intentos de recuperala banda. Destaca o labor de D. Alfonso Méndez Méndez arredor de 17 anos. No 1969 e no ano 1974 houbo outras tentativas, pero ningunha conseguiu o seu obxectivo.

En 1985,o pleno da Corporación das Neves axuda ao rexurdir da Banda de Música de Rubiós. Comezaron a impartirse clases de solfexo, da man de D. Eugenio Fontán, nativo de Rubiós. No 1987 faise a presentación oficial da Banda de Música Popular de Rubiós no concello de As Neves, baixo a batuta de D. Ramón González “Viceiro”. Asume a dirección D. Rafael Pérez Dopeso ata 2014, D. Adrián Viñas Alonso de 2015 a 2017 e dende entón o director é D. David Trastoy Oseira.

A banda conta cunha escola oficial de música, tendo case un cento de alumnos. Conta coa Banda Infantil e a Banda Xuvenil de Rubiós.

A banda participou en varias edicións do Certame Provincial de Bandas Populares organizado pola Deputación de Pontevedra, acadando nos anos 2002, 2003 e 2005 terceiros premios na segunda categoría, nos Certames Zonais en todas as súas edicións, e tamén en varias edicións do Certame Galego de Bandas, organizado pola FGBMP, acadando no 2010, o premio á mellor interpretación de obra de autoría Galega e máis recentemente, no ano 2019 o terceiro premio para bandas da sección segunda.

A máis, a banda de música organiza anualmente diferentes actos culturais como concertos de todo tipo,  convencións e intercambios con outras asociacións musicais, e por suposto actúa en festas e festexos populares por toda a xeografía de Galicia e norte de Portugal, así como ten actuado na provincia de Valencia, Madrid, Asturias, Zamora e nas festas de Dax en Francia.

A banda de música pode actuar en todo tipo de eventos adaptando o seu repertorio ao requirido polas comisións de festas ou organizadores, ofrendo dende música clásica para concertos en auditorios, música popular e tradicional, bailables para verbenas, música relixiosa para procesións, colaboracións con vocalistas ou corais etc …