Banda de música de Sanxenxo
Edif. Emilia Pardo Bazán - Rúa Miraflores nº 26
bmusicasanxenxo@gmail.com
http://bandamusicasanxenxo.blogspot.com/
600269999
A historia da Banda de Música de Sanxenxo comeza no Século XIX, época na que se formaba unha pequena agrupación na parroquia de Padriñán. Dunha banda naceu outra e é en 1927 cando Víctor Guiance funda unha banda en Aldariz que se mantería ata 1941.
Chegado o ano 2000, ofértase por primeira vez a actividade de música no noso concello, cunha participación de setenta alumnos neste primeiro curso. Ao paso dun ano eran cen alumnos os que acudían a estas clases e pouco a pouco o numero iría en aumento. A escola seguiría crecendo ata impartirse un total de 18 especialidades.
Tras varias décadas sen que ninguén seguise a tradición de banda en Sanxenxo e motivada polo éxito dos primeiros cursos da escola de música, o 26 de maio do 2002, nace unha nova formación baixo a dirección de Rafael Torres Míguez co apoio do Concello de Sanxenxo.
Conséguese crear a Banda-Escola de Música Municipal de Sanxenxo e o equipo docente da mesma decide crear nese momento a Sociedade Musical de Sanxenxo, que tiña como principal obxectivo xestionar e organizar unha nova agrupación instrumental: a Banda de Música de Sanxenxo. Nesta, os alumnos da escola de música poderían complementar a súa formación instrumental dun xeito semiprofesional e , ao mesmo tempo, a Banda serviría de proxección para os mesmos. A nova agrupación preséntase cun gran concerto en Sanxenxo o día 22 de agosto de 2009.
A agrupación acode no ano 2010 ao IV Certame Internacional de Vila de Senia, Tarragona, sendo o primeiro concurso internacional no que a nosa Banda de Música se presenta. Neste obtería o segundo premio, a tan só un punto do primeiro, con 282 puntos. Ese mesmo ano, acada o segundo premio no X Certame de Bandas da Deputación de Pontevedra.
A finais de 2012 a banda pasa a ser dirixida por Pedro Gonzalez Villarroel, que permanecería como director ata principios de 2015. Con este, a banda de música obtén un terceiro premio no XIII Certame de Bandas da Deputación de Pontevedra, organizado en Tui.
En marzo de 2015 toma o relevo na dirección Javier Alonso Pérez. Con este, a agrupación presentouse en dúas edicións consecutivas á segunda sección do Certame de Bandas da Federación Galega de Bandas de Música Populares, acadando no 2016 a terceira posición e no 2017 a primeira posición. Este director permanecería ata o verán de 2018.
Poucos meses despois, pasa a dirixir a nosa banda o seu actual director, José Varela Pardo.