Banda de música Popular de Muimenta

Banda de música Popular de Muimenta

A Banda de Música “Popular de Muimenta”, decana do Concello de Lalín, constitúese no ano 1875, sendo unha das formacións máis antigas de Galicia con actividade ininterrompida.

O seu fundador foi José Vilariño García, veciño desta parroquia, sendo relevado máis adiante na batuta polo seu fillo José Vilariño Vilariño, ao que igualmente sucederon outros directores, tales como: Eliseo Pedreira, veciño tamén de Muimenta, Secundino Pedreira, Manuel Gato Soengas, Cándido Alvarado, Anatole Pallás Fortes de Valencia, Higinio Gil Rodil e José Luis Pedreira Vilariño, (ambos lalinenses e músicos da banda que compartiron batuta durante dous anos), José Luis Represas Carrera, José Bugallo Senra, Alberto Iglesias Paz e desde o ano 2.020 ata a actualidade o seu director é o lalinense Víctor García Rodríguez.

A día de hoxe a banda de Muimenta segue formando músicos grazas a súa Escola de Música da que forman parte uns 40 alumnos e alumnas, o que asegura a continuidade da banda por moitos anos máis.

Interviu en varios programas da Televisión de Galicia, así como en gravacións para a “Radio Galega”, que posteriormente foron emitidas en antena e tamén conta con catro traballos discográficos gravados todos eles polo técnico da Radio Galega, Pablo Barreiro. No ano 2013 concédenlle o premio “A Carballeira” por manter a tradición das bandas de música populares de Galicia, destacando a longa existencia da formación máis antiga do Concello de Lalín.

Na actualidade a citada Banda conta con arredor de 40 músicos e segue fiel á súa traxectoria de “Banda Popular” o que conleva a ser contratada polas comisións de festas de pobos e concellos para actuar nos tradicionais pasacalles e concertos ao aire libre, así como tamén compaxinar verbenas con outras Bandas de Música e Orquestras de todo Galicia, actuando na última década en diversas comunidades autónomas, como León e Asturias en territorio nacional e tamén en Portugal.

Currículum do Director

Víctor García Rodríguez

Comezou os seus estudos musicais aos 7 anos de idade na Escola da Banda de Lalín. Logo dun breve período coa trompeta cambiou de especialidade ao saxofón tendo como mestre a Juan Carlos Mazás Sanmartín. Cursou o Grao Elemental no Conservatorio Profesional de Música de Lalín accedendo máis tarde ao Grao Profesional que remataría no ano 2013. No ano 2009 acadou a matricula de honra na especialidade de saxofón. No 2013 accede ao Conservatorio Superior de Música da Coruña coas máximas cualificacións.

Participou no concurso "Xosé Valcárcel" de A Estrada no 2009 e no concurso de solistas realizado polo Conservatorio Profesional de Lalín no ano 2012 sendo finalista en ámbolos dous.

Asistiu a varios cursos impartidos por mestres como Narciso Pillo, Marcos Mariño, Gé Titulaer,  Juan Carlos Mazás, José Rafael Pascual Vilaplana, Marcus Weiss , Pablo Coello ,etc.

Actuou baixo a batuta de directores como Henrie Adams , Ferrer Ferrán , Daniel Portas , Rafa Agulló, Mateo Giovanni , Johan de Meij , Jan Cober , Bram Sniekers , Juan Miguel Romero , Marcel Van Bree , Pascual-Vilaplana , David Fiuza , Juan Lois Diéguez , Andrés Valero, Isabel Rubio , etc.

Nos anos 2009 e 2013 asistiu coa Banda de Lalin ao "World Music Contest Kerkrade" o concurso máis importante a nivel internacional en canto a bandas se refire.

Na actualidade e dende Xullo de 2020 é director da Banda de Música Popular de Muimenta e da Banda Xuvenil de Muimenta, forma parte do cuarteto de saxofóns Eunice Quartet, é membro da Banda de Lalín dende o ano 2006 e tamén é colaborador en numerosas agrupacións do panorama galego. Como mestre impartiu clases de saxofón e linguaxe musical na Escola de Música de Antas de Ulla, é mestre na Escola de Música de Muimenta e na Escola da Banda de Lalín. En canto á dirección de banda asistiu a clases de dirección co mestre Juanjo Ocón, David Fiuza e na actualidade con Marcel Van Bree.