Banda de música Sons e Soños

Banda de música Sons e Soños

A orixe destas Escolas Mancomunadas e Banda remóntase a setembro de 2007, cando a corporación municipal do Concello de Rábade deposita toda a súa ilusión cultural musical nun ambicioso proxecto de Centro Educativo Musical aberto a toda a sociedade rabadense e a súa contorna; asumindo a súa posta en marcha pese ao adverso contexto socioeconómico. Nace así a Escola Municipal de Música, con apenas unha decena de alumnos e un só profesor (o propio director do proxecto, Armando Morales). Nos cursos seguintes, baseándose nunha formación de calidade, impartida por docentes especializados, veu incrementándose de xeito chamativo o volume do capital humano implicado neste proxecto educativo musical ata chegar aos 278 alumnos e 26 profesores. Froito dese traballo emocionante, apontoado pola forte convicción dos principais axentes coordinados, Áreas de Cultura dos Concellos de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol, Claustro de profesores e os Pais de alumnos e veciños a través da Asoc. "Músico Crisanto”, presidida dende a súa fundación por Pablo Rábade; xurdiron agrupacións de moi diversos estilos: Murajazz Big Band, Young Murajazz. Big Band, Grupo de Pandeiretas e Voz Tradicional, Tirapadiante G. Tradicional, Banda de Gaitas Sons da Chaira, Coro da Asoc. Músico Crisanto, Banda Infantil da Escola e a propia Banda "Sons e Soños”.

O primeiro ensaio conxunto dos mozos músicos fundadores desta Banda tivo lugar o 20 de xuño de 2011 e o seu Concerto Inaugural celebrouse seis meses despois, o 17 de nadal de 2011. No breve espazo de tempo transcorrido, apenas 10 anos, a xove Banda procurou manterse activa na programación de concertos e na participación en moi diversos eventos. De tal xeito, no formato habitual de banda sinfónica, como en fusión con outro tipo de agrupacións musicais, teatrais... ten interpretado moi diversos programas dentro e fóra da xeografía galega; sendo tamén colaboradores habituais e organizadores de numerosos Festivais Solidarios a favor de ONGs de ámbito nacional e internacional...

Coa sensibilidade posta no presente e futuro das bandas e no seu repertorio, procurou contribuír á creación de obras orixinais. Na súa participación en varios Certames consecutivos fixoo con obras propias, escritas por Manuel María Veiga, profesor nas súas Escolas Mancomunadas. En sendas edicións recibiu o Premio á interpretación dunha obra de temática e autoría galegas na 1a Sección.

Co gallo do décimo aniversario desta agrupación, publicouse un documental conmemorativo codirixido por Denís Blanco, integrante fundador da mesma. Entre os seus próximos eventos, ademais deste soñado concerto en Praterías, que preserva a nosa FGBMP, poderían destacarse o Lugo Music Festival e sendos concertos na Villa de Arafo en Tenerife.