Banda de música Popular de Tui

Banda de música Popular de Tui

O día 5 de febreiro de 1881 é a data máis fiable que se pode dar sobre a fundación da Banda de Música de Tui, composta nun primeiro momento por 31 músicos e sendo o seu primeiro director D. Severino Castillo que posteriormente sería substituído por D. Crisanto Castillo.

Dende entón actúa sen interrupcións ata 1936, ano no que desaparece a consecuencia da Guerra Civil Española. Reaparece de novo no ano 1942, disolvéndose de novo ao pouco tempo por falta de medios económicos ata 1967.

Xa, por fin, no ano 1980 empeza a formarse dunha maneira máis sólida dando lugar á banda actual, e como consecuencia da creación dunha Escola de Música. Tamén apoiou á formación do conservatorio que hoxe en día existe en Tui con máis de 350 alumnos que se educan e perfeccionan baseándose na profundización da técnicas musicais.

Por esta Banda de Música pasaron directores tan coñecidos como Temes, Groba, Vicente Simeó, Adolfo Besada entre outros moitos. Tamén se formaron importantes músicos que hoxe en día percorren o mundo tocando en numerosas orquestras, tanto clásicas coma populares, en bandas e impartindo clases como profesores superiores.

Esta asociación perfeccionou a súa labor musical con actuacións por toda Galicia, lugares como Pozuelo de Alarcón, San Martín de Valdeiglesias, Alcorcón ou o Distrito de Moncloa, pertencentes á Comunidade de Madrid. Tamén en Xeraco, Bellreguard, Almoines ou Coves de Vinromá, pertencentes á Comunidade Valenciana. Actuacións en Avilés, na comunidade de Asturias. Tamén realizou actuacións internacionais en Bos Aires (Arxentina), Águeda, Coimbra, Torres Vedra en Portugal. Xunto coas actuacións participou en numerosos Certames de Bandas e colaborou na irmandade de coros entre España e Portugal, tocando conxuntamente con eles.

A Banda de Música Popular de tui tamén chegou aos medios de comunicación televisivos colaborando con programas como “Galicia Enteira”, “Un país na mochila”, “Galicia no mundo” ou “Luar”, entre outros.

O 31 de outubro de 2006 concédeselle á Banda de Música Popular de Tui unha Mención Honorífica Especial por tódolos méritos contraídos ao longo da súa historia así como representando á cidade de Tui.

Na actualidade a Banda de Música Popular de Tui está dirixida por Eloy Carrera Bernárdez.

Currículum do Director

Eloy Carrera Bernárdez

Naceu o 9 de decembro de 1992 en Tui onde comeza os seus estudos musicais á idade de 11 anos na Escola Municipal de Música de Tui da man de Adolfo Besada Álvarez e Daniel Gregores. Aos 12 anos ingresa na Banda de Música Popular de Tui, onde foi trombón solista de dita agrupación.

En 2007 accede ao Conservatorio Profesional de Música de Tui para continuar formándose baixo a tutela do profesor Adolfo Besada Álvarez. No ano 2013 obtén o título de Grao Profesional na especialidade de Trombón.

No ano 2014 comenza os seus estudos superiores no Conservatorio Superior de Música de Vigo cos profesores Jesús Vicente Monzó e José Pons Boils. Tres anos máis tarde, accede ao Conservatorio Profesional de Música de Tui ao 4º curso na especialidade de Bombardino.

En 2018 obtivo o título superior na especialidade de Trombón. No mesmo ano comeza a impartir clases na Escola de Música de Chapela, Escola da Banda de Música Popular de Tui, na que é o director do centro; e na Associação Musical de S. Pedro da Torre.

Ao ano seguinte remata os estudos no Conservatorio Profesional de Música de Tui, obtendo o título de Grao Profesional na especialidade de Tuba.

Participa continuamente con distintas agrupacións musicais da comunidade, así como bandas do norte de Portugal. Tamén ten participado co grupo de metais Faíscas de Tui, quinteto de metais Ibericbrass e The magicmetals (fundador destes dous últimos). Colaborou coa Orquestra Sinfónica Vigo 430 e Orquestra Clásica de Vigo. Ademáis de colaborar con diversas agrupacións para gravar CD e participar en distintos programas radiofónicos, participou en diferentes concursos, obtendo primeira mención de honra e un segundo premio no II e III concurso de cámara do CSMVigo. No ámbito educativo, ten realizado cursos sobre a educación emocional para docentes ou aplicación das ferramentas dixitais na innovación educativa, entre outros.

Tamén recibiu clases de diversos trombonistas de ámbito nacional e internacional como Thomas Horch, Daniel Portas, José Pardal, Severo, Esteban Méndez, Andrea Conti, Jon Etterbeek, Rimantas Valancius, Santiago Blanco, Filipe Alves entre outros. Realizou cursos de especialización en Dislexia e trastorno do espectro autista, Musicoterapia e Técnica Alexander. Asistiu a cursos de dirección con David Fiuza Souto, Javier Viceiro e Xoan Lois Diéguez. Impartiu un curso de trombón en Covilhã, Portugal e dirixiu á Banda de Música de Salvaterra.

No 2019 faise cargo da dirección da Banda de Música Popular de Tui. Dende o mesmo ano, tamén é membro activo da Escola Galega de Dirección. Un ano máis tarde obtén o Máster en Xestión Cultural na UOC e ao ano seguinte, acada o Máster de profesorado de secundaria obrigatoria na especialidade de música.

Dende marzo do 2021, realiza a tese doutoral “A Banda de Música Popular de Tui” na Universidade de Santiago de Compostela baixo a dirección de Francisco Javier Garbayo Montabes. No mes de marzo do mesmo ano, fíxose cargo da dirección da Agrupación Musical de S. Pedro da Torre, Valença. Dende este mesmo ano é profesor de Trombón na Escola/Conservatorio Profesional de Tui.