Banda de música de Santa Cruz de Ribadulla

Banda de música de Santa Cruz de Ribadulla

No ano 1927 fórmase a Banda de Música en Santa Cruz de Ribadulla, por iniciativa de D. Juan López, barcelonés relacionado con Santa Cruz ó ser de alí os seus proxenitores. Quedou orfo os tres anos, músico militar na Banda de Melilla e Municipal de Santiago, investigando as súas orixes chegou ás terras do Ulla e comezou os cimentos da Banda. En 1929 a banda fai á súa primeira actuación na visita oficial dun Principe ó Pazo de Ortigueira. Logo actúa nas festas do Patio con outras bandas e vaise abrindo camiño no mundo bandistico. 

Co comezo da Guerra Civil estivo inactiva pero ao seu remate continúa baixo a batuta de mestres como D. José Reboredo, D. Ricardo Fernández Carreira (Banda Municipal de Santiago), D. Manuel Estévez (Coro da Catedral de Santiago), D. Camilo Rodríguez Alonso, D. Francisco Escobar (Banda Militar da Mariña de Ferrol), D. Fernández Barros (Banda Municipal de Santiago) Dou D. Bernardo García del Río (director durante un cuarto de século), D. Arsenio Alonso (cambiou o instrumental para lograr a nova afinación), D. Delio Represas (nace a Escola de Música, o Grupo de Cámara e realizouse unha grabación), D. Jesús Amboaje (Banda do Ministerio e Banda da Lexión de Málaga, faise outra grabación), D. César Núñez (Banda Municipal de Santander), D. Mario Tubío (Banda Municipal de Santiago), D. Juan Lois Diéguez (acádase o 1º premio na sección 1ª do Certame Nacional de Bandas de Música de Leganés e o 1º premio no Certame Nacional de Bandas Vila de La Sénia-Tarragona). 
Realizou concertos e actuacións por toda a xeografía galega, Portugal e España (Madrid, Zamora,Barcelona, Valencia, ...), participa en festivais de bandas e organiza o seu propio Festival de Bandas de Música do Patio, no Pazo de Ortigueira (Santa Cruz de Ribadulla). Graba os traballos Pasodobleando (composicións populares galegas e españolas) e Rico vacilón (bailables).
Conta cunha escola de música da que xurde a Banda Xuvenil cuns corenta alumnos e a Infantil formada por vinte alumnos, que auguran a continuidade da agrupación. Da canteira sairon músicos profesionais en bandas como as Municipais de A Coruña e Santiago, Colectivo Harmonía e bandas militares como a Banda da Garda Civil e a Unidade de Música do Cuartel Xeral do Mando Rexional Pirenaico. 
Baixo a dirección de D. José Rodríguez Ramos obtivo o 1º premio na sección 2ª no VII Certame Galego de Bandas de Música Populares. 
Na actualidade está formada por sesenta profesores e á fronte da dirección está D. Alejandro Cimadevila.