Banda de música de Chantada

Banda de música de Chantada

É unha das agrupacións máis antigas da provincia de Lugo. Creada no ano 1865 polos irmáns Manuel e Antonio Fernández, Os Ferraias, que se fixeron cargo dun pequeno grupo de músicos aos que ensinaban na súa propia casa e animaban as festas dos lugares próximos. Estes irmáns compuxeron a famosa Muiñeira de Chantada
Posteriormente Teodoro, fillo de Manuel, asume a dirección da Banda e síguelle Emilio Zaquín ata 1932. Despois a banda pasará por sucesivos cambios de director, como D. Emilio Carricoba, D. Pompeiro, D. Marcial Sanjurjo, D. Sapete, D. Beristain, D. Belarmino de San Fiz, D. José Diéguez, etc. A banda sufre altibaixos ata finais dos 70, cando D. Faustino Fernández Vilaseco lle encarga reconstruíla a D. Jesús Vázquez Lorenzo. Apóstase por unha canteira de músicos e a banda pasa a caracterízarse pola curta idade do seus compoñentes. 
A D. Jesús Vázquez Lorenzo sucedérono no cargo D. Cándido Alvarado, D. Manuel Gato Soengas, D. David Martínez Iglesias e D. José Baldomir. A banda realiza numerosas actuacións por Galicia, León, Zamora, Asturias e Barcelona, participa en programas de Radio e Televisión de Galicia. En 1991 D. Fernando Fafián Lemos, músico da banda, faise cargo da dirección da banda e da escola, sendo relevado por D. Samuel Pérez Llovel. 

A banda celebra o seu 125 aniversario en 1996 con antigos compoñentes e a Asociación de Prensa Escrita de Lugo concédelle o Premio Lucenses do Ano. Ao ano seguinte a banda grava un CD e fai un irmanamento coa Banda de Música Esperanza de la Guancha (Tenerife). 

D. Jesús Nogueira Franco faise cargo da dirección e a banda participa en festivais e actividades, organizan o Campus Musical de Verán, o Festival de Bandas, concertos temáticos e didácticos, etc. De 2005 a 2008 é dirixida polo mestre D. José Vicente Navarro Serrano. Fanse intercambios músico-culturais coa Banda de Música Municipal de Zamora, Asociación Músico Cultural “Julián Sánchez Maroto” de Manzanares (Cidade Real) e a Banda de Música Municipal de Astorga (León). No ano 2007 cando a Banda consegue o 2º Premio no I Certame Galego de Bandas de Música na Sección 3ª. 

En 2009 toma a batuta D. José Manuel Mosquera, músico da canteira. No ano 2015 a banda celebra o seu 150 aniversario con actos como o primeirociclo de concertos Outono Musical Lourdes Vázquez Ledo. Desde entón a banda atópase nun proceso de evolución constante, cunha marcha firme, decidida e chea de proxectos, tal e como demanda a actividade bandística moderna deste s. XXI.