Banda de música xuvenil de Xinzo

Banda de música xuvenil de Xinzo

Inicia a súa nova etapa no ano 1979 cun grupo de rapaces formándose da man do mestre D. José Guillén Lorenzo (Músico Profesional da Banda Militar do Cuartel de Barreiro en Vigo). O 28 de xuño de 1981 fai a súa presentación oficial cun concerto na parroquia. Ao longo dos primeiros anos tivo varios directores como D. José Guillén Lorenzo, D. Bolivar González Rodríguez, D. Sergio Hurtado Carrascosa e D. Antonio Budiño Durán. 

Varios músicos da banda adícanse profesionalmente á música: Delio, José Luís, Yolanda e Marcos Represas Carrera, José Anxel Presa, Benito Porto, Feliciano Cebreiro, Andrés Covelo, Fernando Abreu, etc. Un deles, D. Miguel Anxo Castro Carrera, dirixe a banda de 1996 a 2006.  A partir de maio de 2006 e ata final de 2007, a banda foi dirixida por D. Álvaro Varela Ferradáns. Impulsouse a Escola de Música de Xinzo, impártense novas especialidades musicais, aumenta o número de educandos e danse os primeiros pasos para crear a banda da escola. En decembro de 2007 a Banda da Escola de Música de Xinzo preséntase nun concerto no Centro Cultural da parroquia de Xinzo (Ponteareas). 
En xaneiro de 2008 colle a batuta D. Iñaki Lecumberri Camps. De outubro de 2008 ata marzo de 2011, a dirección recae en D. César Núñez Pérez e grávase o primeiro CD. De 2011 a 2014 asume a dirección D. Juan Carlos Díaz Alvarez e grávase un CD de pezas inéditas para banda do compositor ponteareán Reveriano Soutullo. De xaneiro a setembro de 2015 asume a batuta D. José Javier Bascoy Iglesias e a continuación D. Ángel Antonio Montes Abalde ata novembro de 2016 cando pasa a D. Roberto Sánchez Barreiro. Dende 2018 ata a actualidade dirixe a agrupación D. Javier Blanco González. 

A Banda de Música Xuvenil de Xinzo conta con escola de música propia na que se imparten todas as disciplinas instrumentais e conta con máis de 200 alumnos.
Premios acadados pola agrupación:

  • Certame Provincial de Bandas de Música: 3º premio en 2005 e 2007, 2º premio en 2008 e 2012 na sección 2ª, 1º premio en sección 2ª en 2009 e 2011, 1º premio en sección 3ª en 2014
  • Certame Galego de Bandas de Música, 2º premio e premio a mellor interpretación dunha obra de temática galega, sección 2ª, 2007 e 1º permio en sección 2ª en 2014
  • Concurso Zonal de Bandas de Música Populares: 1º premio en 2008, 1º premio en sección 2ª en 2010

Dende o ano 2018 a asociación conta con coral propia (Coral Cantares de Xinzo) e coa única fundación constituída por unha banda de música en Galicia (Fundación Musical Xinzo).