Banda de música da UVCD de Candeán
Rúa Devesa nº 25 - Candeán
info@bandadecandean.com
http://bandadecandean.com/
647046925
A fundación da Banda Escola de Música da UVCD de Candeán remóntase ao ano 1993 coa creación dunha escola de música no seo da Unión Veciñal Cultural e Deportiva de Candeán. Un ano máis tarde, foron escollidos os alumnos máis avantaxados desta escola para ser instruídos nos distintos instrumentos musicais. Así, o día 18 de novembro do ano 1995, fai a súa presentación oficial a Banda Escola de Música da UVCD de Candeán e conta xa con máis de 25 anos actuando en multitude de concertos, festas populares e participando habitualmente en festivais e encontros de bandas de música.
D. Jesús Iglesias Álvarez foi o director fundador da Banda Escola de Música da UVCD de Candeán e asumiu con éxito este cargo ata 2004, ano no que D. Ángel Antonio Montes Abalde recolle o relevo e dirixe a banda ata comezos de 2014, levando a cabo un labor maxistral coa agrupación, como queda reflectido nos numerosos premios obtidos durante eses dez anos. D. José Varela Pardo ocupou o cargo de director da banda entre abril de 2014 e outubro de 2015. Na actualidade, D. Iago Lariño Rodal é o director da Banda de Música da UVCD de Candeán.
Ao longo destes anos, a Banda acadou premios en moitos certames a nivel galego entre os que destacan o 1o premio na sección segunda do “III Certame Provincial de Bandas de Música”, no ano 2001, o 1o premio e Mención de Honra Caixa Galicia na sección terceira do “VI Certame Provincial de Bandas de Música”, no ano 2006 ,organizados ambos pola Excma. Diputación Provincial de Pontevedra; e o 1o premio na sección terceira do “III Certame Galego de Bandas de Musica”, celebrado no Auditorio de Galicia no ano 2009.
A Banda de Música da UVCD de Candeán conta actualmente con arredor de 40 compoñentes, dos que moitos ofician os seus estudos musicais nos Conservatorios de Música de Vigo e arredores. Ademais, a banda conta co respaldo dunha escola de música que forman 13 mestres titulados e cerca de 80 alumnos, 30 dos cales forman parte da banda escola.