Banda de música de Castrelo-Cambados

Banda de música de Castrelo-Cambados

A Banda de Música de Castrelo conta cunha traxectoria histórica que a converte nunha auténtica institución. Acolleu a máis de trescentos músicos e músicas e foi dirixida por case 30 directores, entre os que destaca o fundador Manuel Padín Sotelo; Ángel Padín Vidal, Angelito, neto do fundador que lle deu continuidade á banda en tempos de transición ou Joaquín Montañés Castellano, compositor que dotou a Banda dunha personalidade propia.
Desde os seus inicios, a presenza da Banda de Música de Castrelo foi constante na comarca. Levou a súa música por toda Galiza a importantes festivais. Participou en encontros en Mazarrón, Águilas e El Puig (Murcia). No 2014 fixo o intercambio cultural Música con denominación de orixe en Peñafiel (Valladolid). En 2016 estivo presente nas festas maiores da localidade asturiana de Luarca. Cruzou fronteiras para tocar na cidade suíza de Basilea e en 2015 participou nas festas da cidade francesa de Dax. Este mesmo verán estivo en Portugal para participar no 30º Encontro de Bandas en Santana, Figueira da Foz, xunto coa Banda Filarmónica Santanense e a Filarmónica Lyra Barcoucense (Barcouço, Aveiro). 
Na actualidade, a banda está formada por medio cento de músicos, con importante presenza xuvenil, e dirixida polo mestre Nicolás Portas Ricoy. Traballa cun repertorio enormemente plural, con diversidade de estilos musicais. Quere ser unha banda para o aquí e o agora, interpretando música galega e contemporánea. Destacar o repertorio inspirado na nosa tradición, que protagoniza o concerto do Día das Letras Galegas, e está presente en numerosas actuacións. Destaca a participación televisiva co Orfeón Treixadura e Xaquín Xesteira. En 2017 deu soporte musical á Gala Cambados Cidade Europea do Viño, acompañando a artistas galegas de proxección internacional como Susana Seivane ou Rosa Cedrón. 
Dende 2013, a Banda de Castrelo pon o broche final á Festa do Albariño na Praza de Fefiñáns, ofrecendo concertos diversos, con repertorios contemporáneos de pop-rock, de grandes musicais ou da tradición musical dos Tamara.  
Celebrou en 2015 o seu 125 aniversario cunha intensa programación de actividades e concertos e o Concello de Cambados declarou institucionalmente esa data Ano da Música. 

Leva promovido e organizado, xunto coa Asociación Manuel Padín Sotelo, os Festivais de Bandas de Música Populares que se celebran cada outono ao longo de 27 edicións.