Banda de música Isabel II de Touro

Banda de música Isabel II de Touro

A Escola de Música de Touro naceu no ano 1999 froito da iniciativa do Concello de Touro e de D. José Lodeiro Gesto quen asumiu a responsabilidade de pór en marcha dita Escola, onde se impartían, nun primeiro momento, clases de solfexo, para proseguir nos vindeiros anos ca creación dunha Banda.Deste xeito naceu a Banda Escola de Música “Isabel II” de Touro, que realizou a súa presentación pública o 26 de Maio de 2002, baixo a batuta de D. José Lodeiro Gesto e cun total de 60 músicos.Dende entón, a Banda participa en actuacións por toda a xeografía galega, e dende o ano 2003 encárgase de organizar, anualmente, Certames de Bandas en Touro nos cales teñen participado algunhas das bandas máis destacadas da nosa comunidade. 

É importante mencionar tamén que a Banda Escola de Música “Isabel II” de Touro segue a medrar e desenvolverse, e para elo leváronse a cabo actuacións no Programa “Luar” da Televisión de Galicia, actuacións conxuntas con outras bandas, participación en diferentes Certames de Bandas e intercambio de directores, que se levou a cabo no ano 2005, onde se intercambiaron os directores da Banda Escola de Música “Isabel II” de Touro coa Banda de Música Municipal de El Paso (La Palma- Santa Cruz de Tenerife).Outra das iniciativas da Escola foi a creación dunha Banda Xuvenil composta polos máis cativos da Escola, dirixida por D. Alberto Penas Esperante, profesor de clarinete, iniciativa que tivo unha grande acollida, realizando a súa presentación o 5 de Xuño de 2005. 
Actualmente a Banda Escola de Música “Isabel II” de Touro conta cun total de 45 músicos, moitos dos cales son alumnos da escola, e un total de 8 profesores que se encargan de impartir as diferentes materias, tanto a nivel musical como instrumental.
Dende o 1 de Maio do ano 2008 ata mediados do 2009, a batuta desta agrupación pasou a mans de D. Alberto Penas Esperante, profesor de Clarinete, volvendo a collela posteriormente D. José Lodeiro Gesto, dende o 2009 ata setembro do 2015, seguindo como profesor de trombón e nese momento colle a batuta D. Ramón Fernando López Couso como director, sendo profesor de frauta na escola dende tempo atrás. 
O 8 de outubro do 2016 comezamos cun novo proxecto dunha banda xuvenil con Sergio Suárez Lodeiro á batuta.