Banda escola de música de Visantoña

Banda escola de música de Visantoña

A Banda de Música de Visantoña formouse no ano 1877, baixo o mecenado do dono do Pazo de Vilar de Ferreiros, quen lle encargou ao fillo dun dos seus caseiros, Ramón López Soto, a tarefa de formar unha banda, tras regresar este do servizo militar cunha nocións de música.

Desde aquel ano e até hoxe, a Banda de Música de Visantoña non deixou de tocar, converténdose nunha das bandas máis antigas debido á súa historia ininterrompida. Durante toda a súa vida, tivo un papel fundamental Eugenio Pazos Reyes, director da banda durante case corenta anos (entre 1955 e 1994). Don Eugenio, convencido de que a subsistencia e historia da Banda de Música pasaba inevitablemente pola educación musical, dedicouse, ademais de á dirección, a formar musicalmente, xeración tras xeración, centos de alumnos e alumnas da comarca, moitos deles, hoxe, músicos profesionais. Desde o ano 2008, a Escola de Música leva o seu nome en recoñecemento ao seu intenso e magnífico labor.

Desde o ano 1994 e até o 2011, a Don Eugenio Pazos relevouno na dirección o seu neto Uxío Pazos Pintor con quen a calidade musical da banda foi en ascenso, facendo numerosos concertos por todo o territorio e grandes innovacións na formación. Así, con el promoveuse o recoñecemento oficial da escola de música no ano 1998 e, máis tarde, a creación dun coro. O director Uxío Pazos deixou a dirección no ano 2011, cerrando así un ciclo lonxevo. A partir deste momento, pasou a dirixir a Banda de Música de Visantoña Santiago García Mella, un lalinenese que estivo na agrupación durante tres anos. No ano 2014 colle a dirección Iván Pantín, tubista nado en Miño con quen a banda percorreu toda a nosa xeografía e o estranxeiro, chegando a tocar en lugares como Tarragona ou Bruxelas. Ademais, con el, por primeira vez a banda acode ao Certame da Federación Galega de Bandas Populares de Música, e fai colaboracións importantes con artistas como Pablo Díaz.

Desde o ano 2021 a batuta está a cargo do lalinense Alejandro Carral. Actualmente, a banda, que xa conta con máis de 140 anos de historia ininterrompida, está formada por case corenta músicos que seguen tocando por todo o territorio galego e fan que a banda e a escola sexan dous dos elementos fundamentais da dinamización cultural de Santiso e da súa contorna.

Currículum do Director

Alejandro Carral Rodríguez

Nace en Lalín (Pontevedra) o 20 de Xullo de 1998.

Comeza os seus estudos musicais na especialidade de óboe na Escola da Banda de Lalín con seis anos. Dous anos despois ingresa no Conservatorio Profesional de Música de Lalín da man do profesor Benxamín Otero Otero, onde continuará ata acabar o grao profesional no ano 2016, conseguindo o premio de fin de grao. Neste mesmo ano ingresa no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, onde baixo a tutela do profesor Ismael Vaquero Baquero, remata os estudos superiores de óboe no ano 2021.

Recibe clases maxistrais de oboístas como David Villa, Casey Hill, Juán Pechuán, Diego Dini, Roberto Baltar ou David Garrido. No apartado camerístico, recibe clases dos membros de Zoar Ensemble e Airas Ensemble. Tamén, no ámbito da dirección, recibe clases dos mestres David Fiuza, Marcel Van Bree e realiza un curso de dirección co mestre Juanjo Ocón e a Banda Arística de Merza.

É membro fundador do quinteto Esquío Ensemble, co que participa en diversos concertos e concursos a nivel rexional. Colabora tamén con outras agrupacións como a orquesta da compañía PromÓpera, ou a Orquesta Gaos, traballando con directores como Michael Köhler ou Fernando Briones.

É oboísta na Banda de Lalín e na Banda de Música Popular de Muimenta, e colabora asiduamente con multitude de formacións do panorama bandístico galego, como a Banda Municipal de A Coruña, a Banda de Música de Santiago de Compostela, a Banda Municipal de Música de Pontevedra ou a Banda Sinfónica da FGBMP; traballando con directores como: Jan Cober, David Fiuza, Juan Miguel Romero, Bram Sniekers, Isabel María Rubio Molina, Marcel Van Bree, Johan de Meij, Manuel Godoy, Javier Viceiro ou Rafael Agulló.

Desde o ano 2020 é o director artístico da Banda de Música de Visantoña (Santiso) e da súa Banda Xuvenil, e imparte clases de óboe, conxunto e linguaxe musical nas escolas de música de Oleiros, Antas de Ulla e Muimenta (Lalín).