27
XUñ
2017

Xusa Hervás

María Jesús Hervás Brull comeza os seus estudos musicais na “Sociedad Unión Musical de Benimodo (Valencia)” e cursa estudos oficiais no Conservatorio Superior de Música “Joaquín Rodrigo” de Valencia.

Ao longo dos seus anos de estudo realiza cursos de perfeccionamento cos profesores D. Pedro Corostola, D. Philip Cherond, D. Stefan Popov, D. Alexander Fedorchenko, D. Rasvan Neculai, D. Plamen Velev e D. Luis Claret.

Foi becada para os “Cursos de Formación Ocupacional para instrumentos de cuerda” subvencionados pola Generalitat Valenciana e impartidos polo “Cuarteto Silvestri” durante tres cursos.

Foi seleccionada como alumna para formar parte da “Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia” convocados polo IGAEM en Santiago de Compostela durante tres cursos.

O seu interese no ámbito do repertorio de Música de Cámara comezou ao coñecer aos membros do “Cuarteto Silvestri”, cos que realizou cursos de perfeccionamento, ademais de ter a oportunidade de coñecer a Piero Farulli, violista fo “Cuarteto Italiano” e profesor dos cursos de verán da “Academia Chigiana” en Siena.

Dende entón procurou sempre formar parte de distintas agrupacións camerísticas como cuartetos, tríos ou quintetos como o “Ensemble Logos”, o “Quinteto Egeria” con membros da Real Filharmonía, ou o “Nox piano trio” formado por dúas compañeiras do Cmus de Santiago de Compostela.

Dende os seus inicios sempre estivo en contacto con orquestras formando parte de orquestras de estudiantes como a Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de música “Joaquín Rodrigo” de Valencia, “Orquestra jove Unió Musical de Lliria”, Orquestra “Unió Musical de Benimodo”, Orquestra de alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, e tamén colaborou en diversas ocasións con outras agrupacións máis profesionais como “Orquestra Simfònica del Mediterrani”, “Compañía Lírica de Valencia”, “Orquesta y coro Ciudad de Valencia”, “Orquesta de Extremadura” e coa “Real Filharmonía de Galicia”.

A súa labor docente comeza coincidindo cos seus últimos anos de estudo impatindo clases de violoncello, Iniciación e Linguaxe Musical en distintas escolas da Comunidade Valenciana e de Galicia. O seu entusiasmo pola ensinanza e o contacto directo cos alumnos ao longo destes anos contribuíron a adquirir unha consolidada experiencia e adicación pola docencia.

Foi profesora de Violoncello no “Conservatorio Superior de Música de Vigo” durante os cursos 2002/2003, 2003/2004 e 2004/2005.

Actualmente exerce a súa labor docente de profesora de violoncello no “Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela” como membro do corpo de funcionarios da Comunidade Autónoma de Galicia.