26
XUñ
2017

Emilio Alonso Espasandín

Na actualidade é profesor de clarinete da Orquesta Abanca ReSuena da Sinfónica de Galicia, membro fundador do Quinteto InVento e da Orquestra Gaos, así como requinto solista da Banda Ferrolá de Música.

Como solista ten acadado diferentes premios e distincións en concursos a nivel internacional: Czech Clarinet Art (Rep. Checa), Jeunesses Musicales Belgrade (Serbia), Certame José Valcárcel, Premios Mans Futuro e Concurso Caixanova. Ten interpretado concertos de Mozart, Weber e Françaix acompañado pola Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Gaos, Camerata Serbica, Orquestra da EAEM, etc.

Na última década desenvolve unha activa carreira como músico de orquestra, accedendo á Real Filharmonía de Galicia como clarinete coprincipal no ano 2014 e á Hulencourt Soloists Chamber Ochestra no 2013.  Así mesmo colabora habitualmente con agrupacións como a Orquestra Sinfónica de Galicia, Sinfónica de Madrid, Sinfónica Vigo 430, Banda Municipal da Coruña, etc.

No ámbito da música de cámara ten actuado en importantes salas e festivais: Harmos Festival (Portugal), Euroclassical Online Festival, Festival de Clarinete de Venezuela… Forma dúo co pianista Gabriel López, co que gravou o CD “Clarinete y Siglo XX” (2011, Fundación Paideia). É parte tamén do Trio Crunnia e do Quinteto InVento, que crea no ano 2013 xunto a catro músicos galegos, desfrutando dunha intensa actividade. Ademais, nos últimos anos ten realizado numerosas estreas de membros da Asociación Galega de Compositores.

Natural da Coruña, a súa formación comezou da man de Jesús López, estudando nos Conservatorios Profesionais de Lugo e da Coruña e no Superior da mesma cidade, así como durante varios anos na Escola de Altos Estudos Musicais e na Orquestra Nova da OSG, sendo os seus principais profesores Beatriz López e Juan Ferrer. Posteriormente trasladouse a Oporto para estudar co profesor António Saiote na ESMAE, becado pola Deputación da Coruña. Ten recibido tamén clases maxistrais de diversos profesores de prestixio mundial: Eric Hoeprich (clarinete histórico), Andrew Marriner, Arno Piters, Wenzel Fuchs e un longo etcétera.

No mundo das bandas populares forma parte do plantel da Artística de Merza, ademáis de colaborar con outras agrupacións da comunidade.