25
XUñ
2017

Adrián Pais

A vinculación de Adrián Pais co saxofón remóntase a principios dos anos noventa, cando con tan só nove anos empeza a recibir clases no seu Rianxo natal.

Finaliza os seus estudos superiores en Palma de Mallorca e despois trasládase a Francia para continuar a súa formación no Conservatorio Rexional de Burdeos, onde ten a oportunidade de traballar en profundidade a música de cámara e a música contemporánea da man de Marie Bernadette Charrier e Hilomi Sakaguchi. De forma paralela profundiza tamén no repertorio clásico orixinal para saxofón co maestro Jean Marie Londeix e recibe consellos de artistas como Rainer Schmidt, Eberhard Feltz, Helena Poggio ou Cibrán Sierra.

Ao largo da súa carreira, Adrián Pais gañou máis dunha decena de premios en concursos nacionais e internacionais, entre os que destacan o obtido no 38º Concurso de Música de Cámara Club Lyceum de Lausanne (Suiza), os recibidos nas edicións 2010 e 2012 no Concurso de Música de Cámara Monserrat Alavedra de Barcelona ou o concedido polo Instituto da Xuventude na categoría de Música Clásica do certamen Creación INJUVE 2012.

Membro dos grupos de cámara Art Sound Quartet e [IN]Stabiles Ensemble, colabora tamén con distintas formacións coas que realizou concertos non só en España, senon tamén en países como Francia, Suiza, Portugal, Estonia, Suecia ou Alemaña. Capriccio, editado no 2012 e cunha boa acollida por parte da crítica, é o seu primeiro traballado discográfico con Art Sound Quartet e ofrece un repaso do repertorio para saxofón do clasicismo e romanticismo.

Na actualidade, Adrián Pais combina a súa faceta pedagóxica como invitado a diferentes seminarios e clases maxistrais coa creación con compositores e artistas contemporáneos, coa participación en diversos festivais e coa realización de concertos como solista.